Opinión

José Mato: tráfico de menores

Día a día observo con estupefacción como nos medios e pola rúa a xente apiádase deste home de Carballo, detido e acusado de tráfico de bebé (entre outros delictos), e comentan frases como “só querían ter un fillo” “ese neno ía estar moi ben atendido porque son boas persoas”.

Día a día observo con estupefacción como nos medios e pola rúa a xente apiádase deste home de Carballo, detido e acusado de tráfico de bebé (entre outros delictos), e comentan frases como “só querían ter un fillo” “ese neno ía estar moi ben atendido porque son boas persoas”.

"Non estaban dispostos a adoptar a calquera neno, nin de todas as procedencias, nin a agardar prazos para o seu perfil ideal e decidiron tirar pola vía cómoda".

Eu, nai adoptante, cabréome unha e outra vez cando vexo as novas nos xornais e os enfoques. E as mentiras que se difunden, cuxa orixe descoñezo. Vexamos:

-“Eles non estaban ben informados e pensaron que non cometían ilegalidade”. FALSO. Eles acudiron á reunión informativa da Xunta (a mesma á que fun eu, dúas veces, unha por cada adopción), así que sabían como se pode e como non se pode adoptar en España. E non asistiron a cursos de formación que se imparten para familias que queren adoptar porque non quixeron. Coñecían cales son os trámites para a adopción e sabían que hai países nos que SI podían adoptar.

-“Eles non podían adoptar porque ela tivo problemas médicos moi graves (cancro, entre outros)”. FALSO. Certo que ela tivo graves problemas médicos, pero certo tamén que hai varios países que aceptarían o seu expediente de adopción. E eles sabíano. Como sei eu isto? Porque acudiron á mesma ECAI (entidades de colaboración da adopción internacional, especie de axencias que se encargan da tramitación da documentación e de explicar ás familias todo o necesario e acompañalas paso a paso) á que eu acudín, e a persoa que os atendeu, que tamén foi a mesma que me atendeu a min e que actualmente considero amiga, explicoulles con todo luxo de detalles as súas posibilidades, países, perfís de nenos... O certo é que non estaban dispostos a adoptar a calquera neno, nin de todas as procedencias (prefiro non saber por que, déixovos a vós que elucubredes), nin a agardar prazos para o seu perfil ideal (bebé moi moi pequeno e san) e decidiron tirar pola vía cómoda.

"Existen países nos que os ventres de alugueiro son legais... pero eles foron xustamente a un país, Colombia, no que está absolutamente prohibido e no que, malia a situación de risco que poden padecer moitos menores as autoridades son especialemente duras co tráfico ilegal deste tipo".

-“A nai biolóxica aceptou venderlla”. FALSO EN PARTE. Vexamos: Do mesmo xeito que falsificaron documentación para intentar traer o neno a España, non fai falta ser moi brillante para deducir que en ningún momento podían estar seguros de que esa era a verdadeira nai biolóxica do bebé, porque, precisamente, as mafias empregan mamás supostas (e con documentos falsos) de bebés como “ganchos” para occidentais que se cren con dereito a teren fillos (recordemos: todas as leis do mundo dan AOS NENOS E NENAS o dereito a teren familia, NON aos adultos o dereito a sermos pais/nais. Ese dereito non o temos os adultos en ningún caso). Así que si, a muller aceptou, pero eles eran conscientes de que podían estalos enganando...e  preferiron mirar para outro lado. Ademais, neste caso, é máis que probable que a parella da nai biolóxica sexa o pai da criatura, e polo que teño entendido el non estaba de acordo coa “transacción”. Tamén preferiron “saltar” por riba de todas as familias que agardan legalmente nas listas de espera.

-Por riba, SI existen países nos que os ventres de alugueiro son legais... pero eles foron xustamente a un país, Colombia, no que está absolutamente prohibido e no que, malia a situación de risco que poden padecer moitos menores (como en todos os páises do mundo) as autoridades son especialemente duras co tráfico ilegal deste tipo. Eu diría que un dos países máis duros lexislativamente neste punto, detrás de China, porque neste ademais hai pena de morte (varias persoas foron condenadas a pena de morte en China no úlltimo caso de tráfico de menores detectado, e executadas). Dito doutro xeito: a condena sería, na práctica, menos extensa no tempo se o delicto se tivese cometido en España, porque para estes casos en Colombia non hai ningún tipo de redución de condena.

Por último, como nai adoptante por pasaxe verde (nenos e nenas con algún problema médico ou maiores de 6 anos), sei que nesta vía José e a súa muller teríano especialemente fácil nalgúns países, e tampouco quixeron ir por este camiño, do que estaban perfectamente informados pola ECAI. 

"Que pasaría se o voso fillo ou filla,  o bebé que tendes na casa neste momento (ou que tivestes nalgún momento) fose roubado para serlle vendido a esta parella? Pensariades tamén que “pobriños, só querían ter un fillo”?"

Dito todo isto, e tendo en conta como funcionan as redes de tráfico de menores, pregúntovos a todos vós: que pasaría se a suposta nai biolóxica non fose tal? E que pasaría se o voso fillo ou filla,  o bebé que tendes na casa neste momento (ou que tivestes nalgún momento) fose roubado para serlle vendido a esta parella? Pensariades tamén que “pobriños, só querían ter un fillo”? 

Pois así exactamente funcionan as redes de tráfico de menores. Nin máis nin menos. E persoas como estas, que poñen o seu desexo de seren nais/pais por riba de calquera outra consideración moral, son a base, o sustento, o alimento destas noxentas redes internacionais (pasta por fillo).

O único que podo facer eu, humanamente, é comprender a tortura para toda a familia deste matrimonio que supón a lonxanía, o cárcere en Colombia, e considero que habería que dar todos os pasos precisos para intentar que cumprise a súa condena, sexa cal sexa esta (que previsiblemente vai ser moi alta, se se coñecen un pouco os criterios da xustiza colombiana para certos delictos) poida ser cumprida en España, para non castigar ao resto da familia a un sufrimento tal.

Pero non me pidades que me identifique cos seus motivos nin que lle chame a isto “adopción ilegal”. Iso non. Chámase tráfico de menores e é un delicto gravísimo.

Comentarios