
Diana Rodeiro, coñecida artisticamente como Nana, é unha das artistas máis veteranas na escena da arte urbana galega.
Técnica Superior en Xoiería Artística pola EASD Mestre Mateo e en Ilustración pola EASD Pablo Picasso, iniciouse no graffiti e a pintura mural de forma autodidacta no ano 2006, grazas ás quedadas informais que comezaban a organizarse na vila de Ordes, onde reside desde cativa.
Dedicada profesionalmente á arte urbana desde 2016, as súas obras caracterízanse polo protagonismo de personaxes femininas, con trazos de presenza recorrente en distintas intervencións, que dialogan co territorio no que se realizan.
No seu traballo combina o emprego da pintura plástica co spray.