
A exposición Caras de Alma pode verse no primeiro andar do Pazo da Cultura de Carballo até o vindeiro 29 de maio. A mostra é obra de Maribel Castiñeira.
Residente no lugar de Xermaña –motivo polo que firma os cadros como XMÑ–, en Caión (A Laracha), Maribel despregou as súas inquietudes artísticas especialmente nos últimos dous anos.
Coincidiu coa pandemia do coronavirus, cando, animada por unha sobriña que traballara profesionalmente en galerías de arte, decidiu dedicar máis tempo á pintura, que descubrira tempo atrás.
A súa obra, tal como a define ela, de pintura intuitiva, é froito do lenzo baleiro e da inspiración instantánea, non sabe que cores empregar, non sabe que motivo plasmar...déixase levar, é o seu estado de ánimo quen fai de guía sobre a súa man e os pinceis, normalmente sobre papel ou tea, modo propio de expresión que lle confire ese punto de diferenciación tan particular.