
Leira é o novo espectáculo de danza da compañía Nova Galega de Danza.
Baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz, con música de Sergio Moure de Oteyza e coreografía de Ikes Gómez. O corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo.
A muller no centro desta conexión telúrica; día e noite, xornada tras xornada repetida nunha sucesión inesgotábel de estacións.
O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes de intemperie habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiros de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os sucos arados na terra.
Pero Leira é tamén a sinxela alegría do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo. A celebración dunha Galiza intemporal e máxica.