Zeltia: "Na Galiza temos unha parte ancestral moi forte"

Con base na música afinada a 432 Hz, onde as notas vibran máis completas e pacíficas, e cun legado cultural que bebe directamente do folk e o blues, con Janis Joplin ou Hendrix como eternas bandeiras, Zeltia canta en galego e cun fondo compromiso político e social. Desde Compostela, conversamos coa compositora para coñecer o que será o seu primeiro álbum LP, 'Vacaloura', do que podemos escoitar "Irevire" ou "Agardando o mencer", as dúas inscritas nos Premios Martín Códax da Música.
zeltia vacaloura

Zeltia e Irevire é a primeira vez que se xuntan para tocar?

De Zeltia e Irevire realmente fixeramos unha gravación en directo nun estudio con 4 temas. Agora estamos con este LP, Vacaloura, que é máis longo, coa banda e moitas colaboracións con outras artistas locais e internacionais desde Irlanda até Cuba. O álbum vai collendo outro tipo de carácter, onde a denuncia de diferentes pobos vén xuntarse na mesma loita común. 

Por que 'Vacaloura'?

A vacaloura, que desde cativa sempre me fascinou incluso na propia estética do insecto, é un elo clave para o equilibrio e a saúde do bosque enteiro. Hai certas particularidades que noto que comparto coa vacaloura. Este insecto pasa 4 ou 5 anos en estado de larva antes de iniciar a súa metamorfose até a súa fase adulta, a cal só dura un mes e medio de estadía. Eu sinto que 

a miña música tamén precisa dun estado larvario para medrar, pois  dependendo do tema hai cancións que teñen xa 5 anos, e creo que si necesitaron ese tempo para crecer. Así, este álbum é a metamorfose para convertirnos en banda.

Unha banda que mestura estilos como o folk e o blues.

Hai certas artistas que sempre nos acompañaron na nosa vida, a min e ao meu compañeiro Migui Carballido. Á parte do Delta Blues, ao meu carón sempre camiñaron Jimi Hendrix ou Janis Joplin, porque aínda que non se parecen na estética ou na harmonía, si que sinto empatía con esa forza vital, coa esa necesidade de expresar e partillar sentimentos. Por outra banda, se falamos de tribal folk é porque a miña intención é tocar para unha tribo, tocar os sentimentos da xente. Eu sinto que na Galiza temos unha parte ancestral moi forte. Ademais dos bosques e dos legados arqueolóxicos, conservamos as nosas costumes ancestrais, que van de xeración en xeración, e neste disco estou desenvolvendo iso coa introdución de instrumentos típicos como o son o tamboril, a gaita, o sacho ou a pandeireta, entre outros. É unha mestura que parece un pouco estraña, mais dálle sentido a esas emocións. 

Emocións que se ligan coa reivindicaión dos bosques.

Si, porque vexo que hai unha necesidade por parte de todas. Compartimos unha solidariedade que nos une e temos a conciencia de que precisamos protexer o noso, o que nos identifica. Tamén a nivel local a xente está loitanto nese sentido,  sumando esforzos, como o fixemos na Festiña Vacaloura. O que procuramos é que a arte non sexa un obxectivo a consumir, senón algo máis relacionado co poder de unión de distintas persoas ás que si podes unirte e darlle forza.

Que se reivindicou coa Festiña Vacaloura? 

A Festiña Vacaloura foi todo un día de charlas, de música e convívio, un informarnos unhas ás outras. O lugar onde gravamos o LP, un estudo que se chama Son Natural en Angueira de Castro, é un paraíso natural ameazado por unha liña de alta tensión que ían poñer xusto por enriba do Castro Lupario, un castros importante, un espazo polo que ademais pasa o Camiño de Santiago e onde tamén se atopa unha ponte romana moi antiga, o pazo de Faramello, uns petroglifos... A veciñanza enterouse moi tarde desa problemática e comezaron a facer alegacións fóra de prazo. Á parte, en Casalonga, están ameazadas polo vertedoiro de Miramontes. Son aldeas moi próximas entre si, mais uns non sabían dos outros. Algo moi pouco democrático por parte das nosas institucións. Que a 7 quilómetros da capital da Galiza aconteza isto non é normal, non podemos ter esa desconexión. Atrevinme a xuntar as dúas causas na Festiña Vacaloura porque me sinto ben arroupada por xente que tamén está comprometida. Son persoas maiores que están loitando por todas nós e eu non quería que se sentisen soas. E emociónaste. Ese é o compromiso que debemos cumprir. 

Comentarios