O zapato inglés e o camelo branco

Captura de pantalla (18)

Desde o ano 1903 e até 1937, en que pasou a se denominar El zapato español, houbo en Vigo, na rúa do Príncipe, uns grandes armacéns dedicados á venda de calzado de importación. Era El zapato inglés, propiedade de Eulogio González Abuín, dono tamén do Almacén hispano americano. Ambos establecementos eran publicitados como o lugar idóneo para comprar "o mellor, o máis barato, o máis elegante, o máis duradeiro e máis moderno calzado".

González non só era un almacenista famoso. Antes de se instalar en Vigo tivera unha importante fábrica de zapatos no Rio de Janeiro. Fíxose tamén celebre no dominio da publicidade. Durante anos publicou pequenos artigos, cheos de graza e de sorpresas, que moitos periódicos copiaron crendo que eran noticias.

Como noticia foi o acontecido en 1930. O comercio foi, en dúas noites sucesivas, asaltado. Na primeira, os ladróns conseguiron roubar por valor de mil pesetas. Voltaron á noite seguinte e, cando xa tiñan preparados outros trinta e un pares de zapatos, valorados en seiscentas pesetas, chegou o dono coa policía. Foron detidos... coas botas postas.


O betún do camelo branco


En febreiro de 1911 un camelo branco percorreu, cun cartaz publicitario colgado da xiba, varias cidades galegas. Que saibamos estivo en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago,  A Coruña e Lugo. Percorría as rúas con fins publicitarios. Viaxaba en tren dunha cidade a outra "beatificamente acomodado" nun furgón. Anunciaba pasta para lustrar calzado. A pasta Eclá! 

Captura de pantalla (20)

O impacto visual era tanto que toda a prensa se fixo eco, algún medio mesmo relacionando esa maneira extravagante de facer publicidade coas "artimañas" que utiliza o "liberalismo procaz" ou o "anarquismo frenético" para adquirir presenza pública. Así o descrebe a prensa paseando por Madrid: "circula por las calles y plazas de Madrid un arrogante camello, sobre cuyo jiboso ostenta, a guisa de guadrapa, un gran lienzo con el anuncio de betún Ecla. Precede al exótico rumiante un moro vestido a la turquesa"

Pero nada igualou o acontecido en Vigo con ese camelo branco de paseo pola rúa do Príncipe cun cartaz que anuncia pasta para lustrar o calzado que se vende, só, en El zapato inglés.  De novo Eulogio González dominando a publicidade.


A popularidade deste camelo levou a que mesmo fose utilizada a súa tranquilidade e parsimonia para censurar aqueles espectadores que van ao cine berrar. Na revista festiva semanal Flores y abejas, despois de facer crónica do percorrido tranquilo do animal conclúe:

Aprendan los que al cine van a gritar,
que los camellos tienen
formalidad.

Comentarios