Un galego correrá un maratón co fin de recadar fondos para a síndrome de Down

Zancada a zancada pola carreira da integración
42250896_1581522935657558_r
photo_camera Daniel -segundo pola dereita- posa coa súa afillada e dous membros da organización Down Coruña. (Foto: Nós Diario)

Din que correr un maratón é unha das experiencias máis duras que -voluntariamente- se poden levar a cabo nesta vida. Os afiados rostros das e dos atletas; imaxes dos pendulantes osos da cadeira, case querendo asaetar a fina capa de pel que os mantén como refén no corpo humano; as asomantes paletas, contoneándose zancada tras zancada ao longo de 42.195 metros, dan fe da dureza estrema dunha proba que xa se leva cobrado varias vidas nos últimos anos.

Non son poucas as persoas que, sen a preparación física e mental adecuada, abrochan as zapatillas máis caras do mercado e botan a correr, movidas máis por unha esperanza ilusa que polo aval do adestramento practicamente espartano -en homenaxe á localidade na que arribou Filípides na primeira Maratón- que implica afrontar este desafío cun mínimo de garantías.

Cardiff, México DF ou Santiago de Chile son só tres das probas que no pasado ano 2019 se cobraron a vida dalgún dos seus participantes. Altas temperaturas, deshidratación, paros cardíacos... as causas son variadas, mais o resultado sempre é o mesmo: a morte.

A pola maratón por unha boa causa

O galego Daniel Rodríguez sabe de todos estes perigos, por iso leva moito tempo preparándose a conciencia para correr o maratón de Barcelona, considerado como un dos máis importantes do continente.

Porén, o seu obxectivo non é sentir a satisfacción persoal, egoísta en moitos casos, de cruzar a liña de meta. El corre por outra razón. 

Corre pola súa afillada e por todas as persoas que, como ela, viven coa síndrome de Down. Por iso iniciou unha campaña de recadación de fondos na plataforma de micromecenado Go Fund Me (gofundme.com/f/maratonpordowncorua), na que se compromete a correr os populares 42 quilómetros da Cidade Condal se logra obter 1.500 euros, que doará integramente a Down Coruña, unha asociación da súa localidade natal que contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas coa síndrome de Down.

Nunha conversa mantida con Nós Diario, Daniel, que hai case un ano que reside na propia Barcelona, explica que este será "o primeiro maratón, e quizais o último, porque a preparación está sendo moi dura".

Móstrase optimista coa marcha do crowdfunding -no momento de escribir estas liñas apenas faltaban 102 euros para acadar o obxectivo dos 1.500-, e anima a doar indicando que o deixará aberto para "dar un pouco máis de marxe á xente" polo menos até o Día Internacional da Síndrome de Down, "que é o 21 de marzo, só seis días despois da carreira".

A idea de abrir unha campaña de micromecenado solidario ocorréuselle após ver un compañeiro levar a cabo unha iniciativa similar, mais no seu caso tiña claro que "os cartos tiñan que estar destinados a unha causa que me resulta tan próxima como é a das persoas coa síndrome de Down".

"Para min -engade- a miña afillada é a persoa que máis me inspira cada día. É todo alegría, e para as persoas que adoitamos queixarnos por todo penso que é un exemplo a seguir".

Comentarios