"En Zaldibar vertíanse os residuos que ninguén quería"

Jokin Zelaia (nome figurado) deixou o ano pasado de descargar camións no vertedoiro vasco de Zaldibar. Durante oito anos desprazouse a diario alí. Este camioneiro explica como funcionaba o vertedoiro, que o pasado 6 de febreiro se derrumbou deixando sepultados dous traballadores e provocando incendios que até onte mesmo contuaban ardendo. En Zaldibar viu de todo: "amianto, materiais corrosivos, inflamábeis...". Todo amoreado e tirado sen ningún proceso nin control de separación. Esta información foi publicada no xornal vasco Berria.
 
Maquinaria traballando para atallar o novo incendio reactivado 15 días depois da catástrofe no vertedoiro vasco de Zaldibar (Imaxe: Goberno vasco)
photo_camera Maquinaria traballando para atallar o novo incendio reactivado 15 días depois da catástrofe no vertedoiro vasco de Zaldibar (Imaxe: Goberno vasco)

Jokin Zelaia (o nome é figurado) traballou para unha empresa guipuscoana. Vese que ten ganas de falar. O desprendemento do vertedoiro de Verter Recycling 2002 SL afectouno profundamente. Coñecía os dous traballadores que desapareceron enterrados entre os escombros: Alberto Sololuze e Joaquín Beltrán.

"Creo que ao día seguinte daquilo, seis ou oito persoas deberían estar no cárcere, pero ninguén vai dicir nada. Ao redor dos lixos hai unha gran mafia, e os dous traballadores que quedaron aí debaixo non lles importan a ninguén. O único que lles preocupa é onde van levar todos eses lixos a partir de agora".

A empresa na que traballaba Zelaia compraba lixo doutras empresas e particulares, e levábaa ao vertedoiro. O seu xefe cobraba unha cantidade de diñeiro por cada tonelada trasladada ao vertedoiro. O propio vertedoiro tamén cobraba por recollelo. Zelaia traballaba, basicamente, levando residuos de todo tipo a Zaldibar. "Enchiamos o camión de carga e levabamos o lixo sen realizar ningún proceso de reciclaxe. Alí vin de todo: bidóns de materiais corrosivos, inflamábeis, amianto... ".

Unha característica do vertedoiro era a falta de control

Unha característica do vertedoiro era a falta de control. "Nós iamos ao peso. Un empregado dábanos os papeis co selo do Goberno vasco para asinar. Alí apuntaba as horas de entrada e saída e o peso recibido". Nese papel aparecía todo como se a materia fose inerte. Pero Zelaia asegura que o material inerte era só unha parte. En realidade, os restos de obra non eran máis que unha pequena parte dos lixos que entraban en Verter, e apunta que: "sería máis ou menos 20%. Tamén vin alí camións cargados de materias perigosas, coa placa distintiva ADR colada. Baleiraban a carga, quitaban a placa e largábanse de alí".

Non era só o amianto. Máis dunha vez levou camión até o lugar de baleirar o lixo e quedaba sen poder respirar

Verter non estaba autorizado a recibir ese tipo de material, ao tratarse dun vertedoiro de substancias non perigosas. Para a recepción de amianto si dispuña dunha autorización especial do Goberno vasco, pero sempre condicionada á súa separación e xestión independente doutros residuos. Nunca cumprían ese procedemento. "Nós estivemos pasando por riba do amianto co camión.

Ás veces, notaba como se rompía". Non utilizaron roupa nin material adecuado para o traballo. "Estiven baixando amianto dunha vivenda de Hernani, nunca levei traxe nin máscara". Unha vez pediu ao xefe que lle comprase unha peza de protección, ao que este respondeu que el non valía tanto como aquela peza.

Non era só o amianto. Máis dunha vez levou camión até o lugar de baleirar o lixo e quedaba sen poder respirar. O cheiro a amoníaco era tan grande que "collía a camiseta, cubría o nariz, abría as portas, baleiraba o máis axiña posíbel, e fuxía como un lóstrego".

Recorda cando lle mandaron ir ao porto de Hondarribia en busca dos restos dun barco. "Preguntei: está baleiro o barco, está retirado o gasóleo? Dixéronme que si, pero fun alí, metín a pinza, e empezou a botar gasóleo... En Verter recibían "todo mesturado: aceites usados, pinturas, aerosois, plásticos, cartóns, restos de obras...".

Nas tres inspecciones realizadas polo Goberno vasco (2015, 2017 e 2019) nunca se mencionou que o amianto estaba mesturado con outros residuos. É máis, nas de 2015 e 2017 o Goberno non detectou irregularidades e declarou que o grao de cumprimento das condicións da autorización ambiental integrada era "elevado". O ano pasado algo cambiou: o informe recollía irregularidades.

Esquivando á Ertzaintza

Zelaia realizou moitas veces entre dous e tres desprazamentos diarios a Zaldibar cunha carga media de 50 toneladas por camión. "Levei até 60 toneladas nunha viaxe, aínda que o límite era de 40. Para evitar controis de peso da Ertzaintza, obrigábannos a aproveitar os horarios que utilizaban os axentes para o cambio de quenda".

En Verter, nos últimos dous anos, acumularon 500.000 toneladas de residuos cada ano. Para dimensionar o que supón esa cantidade, en Gipuzkoa no ano 2018 xeráronse 325.000 toneladas de residuos urbanos, das cales 141.000 foron a vertedoiros. Para facer fronte a ese volume traballouse arreo en Zaldibar. Ao día entraban uns 230 camións. Moitos deles viñan con lodos das fábricas de papel. "Os lodos non compactan. Metías o camión encima, e afundíase. Moitas veces tiñas que empurralo coa máquina para saír. De semana a semana, Verter crecía uns tres metros".

Outra condición que o vertedoiro tiña que cumprir era que a zona utilizada non podía ser superior a unha hectárea. Zelaia nunca viu nada diso en Zaldibar. "Cando se enchía, quitaban outro anaco da montaña para expandir o lugar. Ás pendentes fronteirizas púñanlles unha tea. 
 

Un accidente no vertedoiro

En Zaldibar tamén se produciu un incidente que podería ser considerado como un aviso. Hai ano e medio un anaco do monte derrubouse cando estaban perforando a pendente para ampliar o vertedoiro. Zelaia non foi testemuña daquilo, pero sabe ben o que pasou, contado por un compañeiro. "Dixéronme que era o fillo de Joaquín (Beltrán), un mozo de 20 anos. Naquela época choveu moito. Estaban ensanchando a zona e botando formigón. Comían a pendente do terreo que había sobre o casarío, e alí produciuse un desprendemento. Atrapou a máquina, cubriuna e envorcouna. Lograron sacalo con vida. Pero quedou en silencio. Que eu saiba, nin sequera chamaron a urxencias ".

Baixo a rede que hai detrás dos residuos móvese "moito diñeiro e intereses"

Zelaia sempre tivo unha boa relación cos traballadores de Verter, especialmente cun dos desaparecidos, Alberto Sololuze. 

Destacou que baixo a rede que hai detrás dos residuos móvese "moito diñeiro e intereses". "Eu vin como unha empresa subornaba economicamente o vertedoiro para non deixar entrar lixo a outra empresa da competencia". Zelaia asegura que con todo este material que recolleron en Verter algúns se enriqueceron: os responsábeis do vertedoiro e moitas empresas que se dedicaron a levar alí o lixo. "O Goberno vasco sabe o que pasou".

Ten un raio de esperanza: que o ambiente de enfado que se creou empece a mover algo.

Comentarios