'Youtubeiros': o galego, a por youtube

Un concurso procura fomentar a creación de vídeos en galego para difundir en internet.

youtubeiros

Un idioma sen complexos que reclama o seu espazo e protagonismo na segunda rede mundial máis usada, Youtube. 'Youtubeiros' nace coa vontade de que haxa máis vídeos en galego na rede. Para elo, este concurso procura formnat a creación de vídeos no noso idioma, quer de opinión, quer vídeo-titoriais.

É unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove e das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. O proxecto ofrece, tamén formación específica de videocreación para compartirmos os saberes todos e aprendermos a comunicar coa linguaxe audiovisual. Saca o youtubeir@ que levas dentro!

De que se trata?

Entre o 1 de decembro e o 28 de abril de 2017 todas aquelas persoas, sexan de onde sexan e estean onde estean, poden participar de balde nesta iniciativa. Só teñen que ser maiores de 14 anos e inscribirse. Cada autor ou autora pode inscribir tantos vídeos como desexe. No momento da inscrición o autor ou autora debe escoller a categoría na que quere inscribir cada vídeo: vídeo-facermos (Vídeo-titorial no que se mostran saberes e procesos de elaboración para que outra xente os poida aprender. Por exemplo, unha receita, un truco de maxia, o uso dun programa informático, manualidades…) ou vídeo-opinarmos (.Vídeo no que, de xeito argumentado, se expón unha opinión ou valoración arredor dun tema). A duración máxima de cada vídeo presentado é de 5 minutos e teñen que estar realizados en galego. Deben, tamén, estar licenciados baixo calquera das licenzas Creative Commons.

Cada unha destas categorías premiarase cun premio en metálico de 1.000 euros e catro mencións honoríficas de 500 euros, segundo os criterios de valoración do xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual. 

Comentarios