Yolanda Díaz, sobre a crise da confluencia: "O que está en disputa é o que quere ser En Marea"

O referente de Esquerda Unida vai asumir en xaneiro a portavocía rotatoria de En Marea no Congreso dos Deputados. Posicionada coa candidatura Entre Todas, a que compite polo poder interno co villarismo, nega lexitimidade á Comisión de Garantías para paralizar as primarias, tal e como ese órgao fixo o pasado sábado 2 de decembro. "Paralizar unha votación é moi grave e por respeito á cidadanía e inscritos ten que ser explicada", dixo.

 

 

Yolanda Díaz
photo_camera Yolanda Díaz, fotografada na redacción de Sermos

Yolanda Díaz considera que o único órgano que estatutariamente ten a capacidade para paralizar as primarias é o Comité Electoral, dominado polo sector crítico, e non a Comisión de Garantías, de maioría villarista. A dirixente de Esquerda Unida agarda que o núcleo que arrodea Luís Villares dea explicacións pola suspensión dun proceso que agora está pendente dos resultados de dúas auditorías, unha externa e outra interna.

Nunha entrevista na SER Galiza, a parlamentar de Esquerda Unida negou que o seu grupo teña ningunha responsabilidade na hipotética intrusión telemática no censo de persoas inscritas. A Comisión de Garantías suspendeu as primarias após lanzar a acusación de que desde o sector crítico se producira un acceso non autorizado no listado. O que neste momento está a ser obxecto de pesquisa é se os datos foron alterados e se eventualmente se produciron altas ou baixas na relación de militantes con dereito a voto.

Para Yolanda Díaz, a Comisión de Garantías "tomou unha decisión política" ao decretar a suspensión das primarias, "sen ter competencia para isto".

En todo caso, e en ton conciliador, a líder de Esquerda Unida chamou a facer "un exercicio de prudencia" e a criar as condicións para que se reata o proceso e se vote de vez. "Hai que ser demócrata e asumir resultados", dixo.

Alén das presuntas irregularidades no proceso electoral interno, para Yolanda Díaz o que está en xogo nestas primarias é o tipo de organización no que as persoas inscritas apostan. "O que está en disputa é o que quer ser En Marea", dixo a parlamentar, que considerou lexítimo o debate.

Tamén se esforzou a futura portavoz de En Marea no Congreso en escorrentar a hipótese dunha suposta ruptura no seo da confluencia. Perguntada a respecto da posibilidade de que Unidos Podemos se apresente como tal en futuras convocatorias electorais na Galiza, deixou claro que a súa opción —"como militante de base˝— é por "sumar sempre" e por continuar nunha "plataforma" que conxugue unidade e diversidade. 

Comentarios