Yolanda Díaz avisa a Feijóo: “O domingo imos a Madrid pero o vindeiro ano a por vostede”

A número 2 da lista de En Marea pola Coruña chama a “reinventar a democracia para que gobernemos os máis e non eses que gobernan contra nós”.

En Marea Compostela


En Marea celebrou esta pasada cuarta feira un mitin en Compostela onde reivindicaron a necesidade dun cambio no goberno do Estado. A número 2 da lista pola Coruña, Yolanda Díaz, mostrouse convencida de que a candidatura conseguirá representación no Congreso e avisou ao actual presidente da Xunta “Señor Feijóo, prepárese porque o domingo imos a Madrid pero o vindeiro ano imos a por vostede”, dixo. 

Díaz manifestou que “temos unha democracia secuestrada polos poderes económicos” e chamou a “reinventala para que gobernemos os máis e non eses que non se presentan ás eleccións e gobernan contra nós”.

“En Marea chegará ao goberno do Estado porque o vindeiro domingo imos gañar”, dixo Gómez-Reino

Nese sentido, o cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez-Reino, reafirmou “o compromiso de En Marea con rescatar ás persoas” e considerou “preciso un cambio”. Un cambio que, segundo afirmou Gómez-Reino, “chegará En Marea ao goberno do Estado porque o vindeiro domingo imos gañar”. 

No mitin tamén participou o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, que valorou o proceso de conformación da candidatura “que día a día suma máis xente”. Beiras destacou que “era necesario abrir fronteiras” e considerou que “o motor do cambio non estaba nas forzas políticas” senón “na cidadanía que se defendía a si mesma”. 

Pola súa banda, o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, reivindicou a experiencia das mareas nas municipais que demostraron que “entre todos e todas podemos mudar as cousas”.

Comentarios