Un xulgado de Compostela considera a seca do río Xallas autorizada pola Xunta de Galiza entre os anos 2004 e 2011 un delito contra o medio ambiente. Así o sinala no auto emitido contra a empresa Ferroatlántica, propiedade do Grupo Villar Mir, para a que pide 8,5 millóns de euros en concepto de fianza.
Apunta a Ferroatlántica como "partícipe a título lucrativo" dos prexuízos ecolóxicos causados ao ecosistema do Xallas, mais tamén sinala o alto cargo da Xunta que autorizou a seca, Francisco Pan-Manojo --hoxe fóra do cargo-- como responsábel do acontecido. Para el, a xustiza pide 1 ano e medio de prisión.
Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural demandan que o diñeiro sexa investido na recuperación do río Xallas, o principal cauce fluvial do LIC Carnota Monte Pinto, e tamén do Olimpo Celta, ardido en 2013.
Os acontecementos remóntanse a hai unha década cando en marzo de 2011 foi autorizado pola Xunta o aprobeitamento hidroeléctrico do Xallas. Un dos poucos ríos en Europa que desembocan --en cascada-- directamente ao mar. O permiso, asinado por Pan-Manojo, permitía a Ferroatlántica desviar o río a unha turbina agás 1 hora ao día durante os meses de xullo a setembro e as fins de semana de todo o período autorizado.
Unha decisión "con pleno coñecemento" da ilegalidade
Eses intres en que o Xallas volvía a recuperar o seu esplendor foron definidos pola xustiza como "caudal turístico" sinalando que supón unha vulneración da lexislación vixente na que se obriga a manter o "caudal ecolóxico necesario para facilitar o normal desenvolvemento das poboacións piscícolas" en todos os saltos de auga.
Neste senso, a propia Xunta recuaría en 2011, perante a presión das organizacións ecoloxistas, fixando nun mínimo do 10% a cantidade de auga que debe correr de maneira permanente polo río.
Segundo o auto xudicial, recollido polo diario El País, o ex-alto cargo do goberno galego, Pan-Manojo, tería actuado "con pleno coñecemento da ilegalidade" que cometía cando autorizou a Ferroatlántica a secar o Xallas ao ter mudado de maneira consciente os criterios de autorización que el propio asinara con anterioridade. Un feito que ocasionou graves prexuízos ecolóxicos no río e a súa contorna. Entre eles, a morte masiva de peixes en 2007, por volta de 15 mil.
A empresa atinxida di agardar que durante o proceso xudicial se lle retire a obriga de pagar indemnización algunha.