A Mesa denuncia “prexuízos ideolóxicos” no Supremo

“Que xustiza hai nunha sentenza que mantén a exlusión histórica do galego?”

“A sentenza do Tribunal Superior agora ratificada polo Supremo ataca elementos da política de normalización da lingua completamente asumidos e apoiados maioritariamente polo pobo galego. Utiliza prexuízos ideolóxicos e políticos subministrados pola extrema dereita”. Con esta contundencia se expresa Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.
 

Concello_de_Lugo
photo_camera Concello de Lugo. Foto: Wikipedia.

“Agride a lingua galega e as persoas que queren utilizala. Fortalece a consideración do galego como un idioma inferior”, engade. A indignación de Maceira déberse á “sentenza ideolóxica” co que o Tribunal Supremo rexeia o recurso do Concello de Lugo contra o ditame do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que, no seu día, anulou parcialmente a ordenanza de normalización lingüística de Lugo. Esta fora aprobada en pleno por unanimidade.

Entre os elementos cuestionados atópanse a rotulación en galego das sinalizacións, o carácter de lingua propioa oficial de Galiza e as súas institucións, a formación do funcionariado ou o dereito a empregar o galego con normalidade. “O Supremo pretende pór límites á oficialidade da lingua galega e impedir que se manteña en situación de igualdade respecto do castelán”, denuncia A Mesa, “e estabeñece uns máximos que o galego non debe traspasar baixo ningún concepto”.

O documento xudicial “legaliza e lexitima a discriminación de usuarios e usuarias de servizos públicos por razón de lingua”. E contravén, lembra a asociación que preside Maceira, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, subscrita polo Estado español, que prescribe “o compromiso de garantir as linguas rexionais ou minorizadas na prestación dun servizo tanto polas autoridades administrativas como polas persoas que actúen no seu nome”.

“O Supremo e o Superior renegan con esta sentenza da Xustiza”, afirma Maceira, porque “que xustiza hai nunha sentenza que pretenda manter a exclusión histórica do galego, a súa  invisibilización, e mantela inaudíbel e invisíbel na administración local e en todos os servizos que ofrece a través de empresas privadas?”.

A Mesa pola Normalización Lingüística avisa ademais de que iniciará accións conxuntas coa plataforma Queremos Galego contra a sentenza e anima “a sociedade galega a se mobilizar e manifestar o seu rexeitamento a unha aldraxe contra a dignidade do pobo galego”.

Comentarios