A xustiza anula o proceso de eleccións sindicais en Coren

A CIG afirma que a sentenza confirma que “foron unha fraude”

2019-07-09_Coren_Ourense_016
photo_camera Protesta da CIG contra "a represión sindical" en Coren.

Unha sentenza do Xulgado do Social número 4 de Ourense desestima a demanda presentada polo sindicato Grupo de Trabajadores Coren contra o laudo arbitral que anulou a constitución das mesas electorais confirma que o proceso, afirma a CIG, “foi unha fraude”.

A resolución, contra a que non cabe recurso, deixa sen efecto o resultado das votacións que se realizaron esta semana e ás que unicamente concorreu “a candidatura do sindicato da empresa”, xa que a CIG optou por non presentarse “para non participar dun proceso fraudulento”, informa o sindicato nacionalista.

O sindicato reclama a inclusión no censo do traballador despedido por facer parte da súa lista, “xa que o caso está xudicializado e no caso de que o despido sexa declarado nulo as eleccións serían nulas porque non se lle permitiu participar”.

Proceso

A CIG presentara un preaviso para realizar eleccións sindicais no centro de procesado avícola (CPA) de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo. En xullo achega, xunto a outras organizacións sindicais, reclamacións pola constitución de tres mesas electorais: técnicos e administrativos, matadeiro e sala de despezamento. Alegan que o preaviso se refire a todo o centro de procesado avícola,  considerando o matadeiro e a sala de despece como unha única unidade electoral con dous colexios: especialistas e técnicos e administrativos. Para o sindicato, “a teima de Coren en dividir o CPA en dous centros de traballo responde á estratexia deseñada para intentar xustificar que os falsos autónomos pouco ou nada teñen que ver coa empresa"

Ao non obter resposta por parte das mesas electorais opta por presentar en solitario un escrito de impugnación para promover o correspondente procedemento arbitral, reclamando a nulidade da constitución das mesas e do proceso en si. O laudo dálle a razón e declara nula a constitución das mesas por non respectar o principio de circunscrición electoral única.

Neste punto, continúa a CIG, a dirección de Coren, “nun alarde de despotismo e chulería nunca antes visto en eleccións sindicais”, non cumpre a resolución e segue adiante co proceso electoral “e a través do sindicato amarelo recorre a decisión nos tribunais, que non atenden a súa demanda”.

Comentarios