17 de outubro

Xurxo Souto presenta o seu último libro para a comunidade senegalesa da Coruña

A gran travesía de Chiruca Magallás (Xerais, 2018) é a narración que lle serve a Xurxo Souto (A Coruña, 1966) para reclamar unha “talasocracia” na Galiza, o goberno do mar. É tamén o seu último libro e que esta quinta feira, 17 de outubro, presentará na Coruña para a comunidade senegalesa da cidade.
xurxosouto
photo_camera O escritor e músico Xurxo Souto. Foto: cedida.

O acto será na asociación de veciños e veciñas da Agra do Orzán ás oito do serán. Souto exporá unha realidade que tamén relata na súa obra, a dos numerosos mariñeiros senegaleses que se embarcan na flota galega. “Na Gran travesía de Chiruca Magallás navegan Assar, Sédar e Mamadou, tres mariñeiros da Agra do Orzán”, indica a convocatoria da presentación, “e un gran número de mariñeiros senegaleses traballan hoxe nos barcos galegos, unha realidade especialmente descoñecida que queremos divulgar”.

A velada rematará cuns petiscos senegaleses cociñados “por unha das máis famosas cociñeiras do barrio [da Agra do Orzán], Adama Gueye, propietaria do restaurante Agra do Orzán”. “Agra do Orzán, tamén Agra Senegal, pois moitísimas familias que habitan o barrio proceden deste país africano”, engade a nota de convocatoria.

Comentarios