“Non se pode desbotar unha posíbel transmisión comunitaria [da Covid-19 na Mariña] de baixa intensidade allea ao brote debido aos casos que aínda non se poden relacionar con el”, “as medidas actuais dispostas para controlar a transmisión [do virus] fracasaron ou non foron abondo para impedir que a infección se difundise...”.
Son frases textuais do informe da Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía do 4 de xullo pasado, sábado, e que indicarían que as mensaxes públicas que transmitían desde o Goberno galego eran moi diferentes das que manexaban internamente no Sergas.
Este informe é citado nun auto do xulgado do contencioso-administrativo n º2 de Lugo, ao que esta segunda feira (6 de xullo) a Consellaría de Sanidade se dirixiu para que dese ratificación xudicial á decisión adoptada de fechar e confinar A Mariña a partir das 00:00 horas da segunda.
O Xulgado dá esa conformidade, mais no argumentario para ratificar esa decisión de Sanidade é cando fai referencia (no punto terceiro) ao informe da mencionada Subdirección Xeral.
Un informe no que, segundo recolle a resolución xudicial, fálase nesa altura dun cento de persoas infectadas, así como da “posíbel transmisión comunitaria” e do “fracaso” naquela das medidas adoptadas pola Xunta para combater o brote, de aí que ratifique a decisión de confinar a comarca.
Nos comunicados do Sergas desta cuarta feira sobre o brote da Mariña, o Servizo Galego de Saúde indica que "todos estes positivos están relacionados co brote", o que, engaden, "permite garantir a trazabilidade dos casos e seguir na mesma estratexia de procura activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión".