A Xunta pro Devolución de Meirás estuda posíbeis usos do pazo

A Deputación entende que as visitas ao público deben continuar pero incorporando a historia máis recente vinculada á propiedade. Porén, quere buscar usos paralelos con outras voces importantes para o proceso de devolución.
EuropaPress_3424293_comitiva_judicial_encargada_realizar_inventario_bienes_pazo_meiras_dentro
photo_camera Membros da comitiva que entrou a pasada semana en Meirás para realizar un inventario. (M.Dylan / Europa Press)

O colectivo pro Devolución do Pazo de Meirás anunciou hoxe que esta sexta feira manterá un encontro de traballo na sede da Deputación co obxectivo de “analizar a situación após da sentenza que obriga á familia Franco a devolver o inmoble”.

Malia que, polo momento, a devolución sexa temporal porque hai un recurso dos achegados do ditador á sentenza, a xunta entende que hai que comezar a “facer propostas de cara aos futuros usos do edificio e os terreos que o rodean”.

Distintas entidades e institucións foron convidadas a esta reunión para traballar o máis rápido posíbel de cara á futura etapa da propiedade.

Por exemplo, terán voz e voto representantes do Concello de Sada, das universidades, das entidades pola recuperación da Memoria Histórica e a Real Academia Galega (RAG), entre outros.

Fontes da Deputación engadiron que, na mesa, tamén estarán “investigadores de especial relevancia na historia da recuperación do inmoble como Carlos Babío e os directores dos informes histórico e xurídico encargados polo organismo, fundamentais no proceso xudicial”.

Así o sosteñen porque, por exemplo, o documento de Xabier Herrera remarcou ante a Xustiza que o contrato de compra-venta era “simulado”.

Malia que no pazo xa houbo visitas puntuais, o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, ve “dous horizontes” claros. Un pasaría por eses itinerarios, pero engadindo a historia e enfrontamentos máis actuais por Meirás e outra por procurar usos paralelos.

Comentarios