A Xunta presenta os seus proxectos para captar fondos europeos con "diálogo cero"

A Xunta presentou a constitución de Next Generation Galicia, a comisión encargada da estratexia do Goberno galego no reparto de fondos europeos e anunciouse que mañá se enviarán as primeiras iniciativas ao Estado. A oposición lamenta que Feixoo non conte co Parlamento nin coas entidades sociais para elaborar os proxectos. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xunto ao vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, no acto de presentación (Imaxe: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xunto ao vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, no acto de presentación (Imaxe: Arxina)

A Xunta remitirá esta quinta feira, 15 de outubro, ao Goberno estatal os seus proxectos cos que procurará que a Galiza opte ao reparto dos aproximadamente 140.000 millóns de euros do fondo de recuperación da Unión Europea que España recibirá. 

Na terza feira, 13 de outubro, tivo lugar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, a reunión constitutiva da comisión Next Generation Galicia (Nova Xeración Galiza), o órgano encargado pola Xunta de supervisar a súa estratexia para precisamente optar aos fondos europeos. 
O acto contou co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e as conselleiras e conselleiros. O vicepresidente segundo e titular de Economía, Francisco Conde, subliñou que con estes proxectos o que se procura é "a recuperación da crise e do emprego", a través dunha "transformación económica e social".

Após recibir os proxectos das comunidades autónomas, o Estado deberá presentar o Plan de recuperación e resiliencia, que será avaliado pola Comisión Europea en decembro. Posteriormente, a Comisión Europea aprobará en xaneiro de 2021 o regulamento para a posta en marcha dos fondos de recuperación. Será a partir de abril de 2021 cando se poderán comezar a desenvolver.

Sete proxectos

As iniciativas da Xunta que se incluirán no borrador que o Estado levará á UE comprenden catro proxectos tractores: unha planta de hidróxeno, un centro para o impulso da economía circular, a fabricación de fibras téxtiles a partir de madeira e a instalación de nova potencia renovábel. A isto súmanse tres iniciativas centradas en cadeas loxísticas sostíbeis para o transporte, un centro de innovación en tecnoloxías renovábeis de hidróxeno e un laboratorio dixital.

O BNG denuncia a falta de diálogo da Xunta da Galiza

A deputada do BNG e portavoz de facenda e política enerxética da formación, Noa Presas, criticou en conversa con Nós Diario a "falta de diálogo" do  Goberno galego no que ten a ver coas forzas políticas, porque a semana pasada no pleno do Parlamento os populares rexeitaron unha proposta do Bloque para debater e fraguar un acordo de país a respecto dos fondos europeos. Mais a nacionalista tamén lamenta a falta de diálogo no social. "É incomprensíbel que a Xunta non fale con entidades como sindicatos, universidades ou grupos de investigación para facer os proxectos, e que unicamente se reúna con algunhas empresas", di Presas. "Non coñecemos que contías virán á Galiza nin que criterios aprobará o Estado, polo que ter unha posición de país sería positivo para determinar que precisa a Galiza". 

"Ao Parlamento non se remitiu nada sobre os proxectos, só sabemos deles polos titulares", lamenta Presas, que ve no acto liderado por Feixoo "unha estratexia propagandística para ocultar que a cuarta feira pasada, cando Pedro Sánchez presentou a súa liña de traballo, a Xunta non tiña ningún proxecto, a diferenza, por exemplo, de Euskadi".  

O PSdeG critica a opacidade da Xunta

"Estase xogando na opacidade absoluta, non se sabe de que tratan eses proxectos", sinala a Nós Diario o viceportavoz parlamentar do PSdeG, Pablo Arangüena. O socialista denuncia que, alén dos títulos dos proxectos, a Xunta non deu a coñecer "nada sobre os contidos" dos mesmos. 

Arangüena comenta que son moi poucos proxectos, polo que "todo apunta a que se tratarán de megaproxectos, o cal non parece o máis intelixente para unha estratexia de optimizar a captación de recursos europeos, probabelmente sería mais intelixente facer propostas pequenas e diversificadas, así se un non capta fondos aseguras que haxa outro que si reúna as características adecuadas".
O socialista tamén ve opacidade na escolla dos proxectos, "non sabemos nin quen os seleccionou nin que criterios se usaron. Vese improvisación e política de escaparate", conclúe. 

Comentarios