O alumnado galego de 2º de Bacharelato e de 2º de ciclos Medio e Superior de Formación Profesional poderá volver ás aulas de maneira voluntaria a partir do vindeiro 25 de maio, día no que está previsto o paso á segunda fase do proceso de levantamento de restricións do estado de alarma. A decisión, que anunciou na tarde de onte a Consellaría de Educación, chega despois de que a titular desta área, Carmen Pomar, participase durante a mañá na terceira conferencia interterritorial de Educación, presidida pola ministra Isabel Celáa, quen deixou en mans dos Gobernos territoriais autonómicos a posibilidade de retomar a presencialidade antes do curso vindeiro.
Na súa comunicación, a Consellaría apela ao "consenso maioritario" no seo da conferencia sectorial en que unicamente se retomen as clases nos cursos superiores que titulan. Porén, a volta aos centros neste trimestre, aínda de forma voluntaria, non conta co apoio da comunidade educativa galega, máis proclive a agardar ao vindeiro exercicio, ao entender que a recuperación da presencialidade supón un risco sanitario innecesario, ante a falta de garantías para a súa implementación.
Sen folla de ruta
Así llo trasladaran á conselleira os principais sindicatos docentes e as confederacións de ANPA na xuntanza que mantiveron na xornada previa, e que se fechou sen que estas puidesen coñecer a posición da Xunta ante a recuperación das aulas ou a folla de ruta a seguir.
"Sen protocolos de prevención e protección non pode haber reincorporación", estima o secretario nacional de Ensino da CIG, Suso Bermello, que ve a recuperación da docencia ordinaria "inviábel e temeraria" neste momento e para quen a consellaría debería pór todos os esforzos en organizar o inicio de curso que vén, pola súa especial complexidade.
O sindicato nacionalista admite a adopción, de forma puntual, de fórmulas de ensino presencial para alumnado de 2º de Bacharelato ou 2º de ciclos formativos, "mais unicamente para complementar a preparación das probas ABAU ou realizar algunha actividade práctica ou proba final de avaliación" e sempre con estritas medidas de seguridade e polo tempo estritamente necesario.
Denuncia na Inspección de Traballo
Neste aspecto, a CIG alerta dos "incumprimentos normativos" e da "improvisación" amosada pola consellaría na xestión desta crise, que mesmo levaron o sindicato a presentar esta semana unha denuncia ante a Inspección de Traballo por vulneración da Lei de Prevención de Riscos Laborais polo modo en que se dirixiu a reapertura dos centros, o pasado día 11, para o proceso de admisión do alumnado.
Tamén desde UXT consideran a posibilidade "excepcional" de recuperar as aulas para segundo de Bacharelato, se ben advirten da "falta de garantías sanitarias". "Os centros non están preparados, non teñen subministros de material de prevención, e a Consellaría está deixando a competencia nas direccións, con cargo aos seus propios orzamentos e a discrecionalidade e responsabilidade dos equipos directivos", critica a responsábel de Ensino, Paula Carreiro , quen afea a "deixadez de funcións" e "desidia" da Consellaría de Educación, por non ter avanzado nunha folla de ruta ante a posibilidade da volta aos centros neste trimestre.
Na mesma liña, desde CCOO, a secretaria xeral de Ensino, Luz López, avoga por manter as restricións nos centros neste curso para preparar o vindeiro e alude tamén á falta de planificación das medidas sanitarias na reapertura dos centros o pasado día 11, "e deixando toda a responsabilidade nos equipos directivos".
"Sen plan de prevención e protocolos pola COVID-19, informes de riscos laborais e de avaliación sobre os distintos postos de traballo e das tipoloxías dos centros, non debería haber actividade, sería unha irresponsabilidade", considera, e lembra que o seu sindicato solicitou, sen resposta por parte da Xunta, toda esta documentación, así como unha xuntanza urxente do comité intercentros de seguridade e saúde no traballo.