A Xunta paraliza os contratos posdoutorais de investigación

37 investigadores postdoutorais temen quedar sen emprego a partir de xaneiro se a Xunta non lles prorroga os contratos
EuropaPress_3344860_investigadora_laboratorio_desarrolla_vacuna_rusa_contra_coronavirus_spuntik
photo_camera As investigadoras compaxinan o seu traballo coa docencia nas universidades.

A falta de convocatorias para renovar os contratos posdoctorais por parte da Xunta podería deixar no paro por un tempo "indefinido" 37 profesionais investigadoras pertencentes ao Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento xestionado pola Axencia Galega de Innovación(GAIN).

Segundo Susana Cid, investigadora e representante deste colectivo, "a falta de previsión da Xunta" provocou un atraso "enorme" na publicación da convocatoria que lles permite renovar a súa vinculación coas universidades galegas nas que desenvolven os seus proxectos outros dous anos. "Os nosos contratos terminan en decembro, momento no que nos iremos ao paro, non sabemos por canto tempo", declarou.

Desde a Xunta aseguran que a nova convocatoria verá a luz "durante os primeiros meses de 2021", aínda que non precisa ningunha data concreta. Aquelas persoas con contrato prorrogado "non poderían presentarse ás novas convocatorias se se publicasen agora e, por iso, farase máis adiante", argumentan desde a Consellaría de Educación.

"Que a convocatoria salga en febreiro ou marzo implica que non se resolverá ata xuño, deixándonos seis meses no paro e interrompendo gravemente as nosas investigacións", comentou Susana Cid, quen apunta que a súa labor docente nas universidades tamén se verá afectada. 

"Os centros están saturados, excedidos ante a situación excepcional provocada pola Covid-19 e co parón non poderán contar co noso apoio docente desde xaneiro a setembro de 2021", explicou Cid. Estes investigadores, ademais de impartir clase, encárganse de titorizar traballos de fin de grao e de fin de mestrado, entre outras labores.

Ante esta situación, o colectivo demanda a creación dos coñecidos como "contratos-ponte" que a Xunta ofreceu en 2019 á cohorte do 2016 ─34 investigadores enfrontáronse a esta mesma situación o pasado ano─ o que permitiu reducir o parón tres meses.

Por outra banda, o colectivo aproveitou o comunicado para criticar a "discriminación" no tratamento das baixas de maternidade e paternidade, na concorrencia nas convocatorias e nos propios contratos, que sofre o persoal investigador que quere compaxinar a súa vida persoal e profesional.

Comentarios