Responde ao BNG

A Xunta non quere bandeiras da Patria nos estadios

As bandeiras da Patria que amosan as afeccionadas e afeccionados nos encontros deportivos non gostan ao Goberno de Feixoo. Resultan, di, “incompatíbeis” co ideal defendido pola Xunta para os estadios.

Bandeiras en Riazor. Foto: GN A Coruña.
photo_camera Bandeiras en Riazor. Foto: GN A Coruña.

O Goberno de Feixoo non gosta das bandeiras da Patria nin das da serea de Castelao. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, sinalou na mañá na terza feira en sede parlamentar que levalas aos encontros deportivos “choca coa concepción do deporte como elemento de unión e cohesión social” polo cal resultan “incompatíbeis”, afirmou, co que defende a Xunta.

“Debemos primar o deporte como elemento de unión e integración”, respondeulle Lete Lasa ao deputado do BNG Luís Bará nun debate en comisión despois de que o parlamentar nacionalista denunciase a prohibicións de símbolos da patria nos estadios. As bandeiras a enarborar, continuou o responsábel da Xunta, deben ser deportivas, “da mesma maneira que non entenderían que respondese esta pregunta ataviado cunha camisola do Racing de Ferrol”.

Bará, que durante a súa intervención situou unha bandeira da patria na súa mesa, criticou que as bandeiras e bufandas “están a ser sistematicamente prohibidas nalgúns estadios, cunha actitude represiva por parte de autoridades e clubes”.

O parlamentar nacionalista puxo como exemplo o acontecido en Pasarón. Como xa publicara Sermos Galiza, o Pontevedra, clube do que é presidenta a deputada do PP Lupe Murillo, impide o acceso ao estadio con bandeiras da patria e sanciona as afeccionadas e afeccionados que o fagan. Denunciárao Esculca, o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades.

Bará esixiu “respecto” a uns símbolos legais e defendeu a exhibición destas bandeiras ou o canto do Himno como “manifestación da confraternización da afección”, mesmo en partidos do Deportivo e do Celta ou do Breogán co Obradoiro.

Lete Lasa concluíu advertindo de que a mostra de bandeiras e a súa prohibición fican “fóra das competencias da Secretaría Xeral”.

Comentarios