A Xunta liquida os centros de investigación agraria cunha nova fundación

A Consellaría de Medio Rural logrou sacar adiante unha proposta cos únicos apoios do PP para crear unha fundación  baseada no Centro Tecnolóxico da Carne, baixo investigación xudicial, para aglutinar nela todos os centros de investigación agraria da Galiza, castigados polo abandono do Executivo de Feixoo.
Xosé González, conselleiro de Medio Rural (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xosé González, conselleiro de Medio Rural (Foto: Nós Diario)

O Partido Popular logrou sacar adiante unha Proposición non de Lei para a creación da Fundación de Investigación Agraria Aplicada da Galiza, un ente co que a Consellaría de Medio Rural que dirixe Xosé González pretende "actualizar a estrutura e o desenvolvemento funcional" dos diferentes centros de investigación existentes. 

Esta nova fundación estará sustentada na base da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne e, como explicou o deputado do PP Daniel Vega durante a defensa da proposta na comisión de agricultura desta quinta feira no Parlamento Galego, integrará todos os centros nunha estrutura "única pero diversificada que teña presenza en todo o mapa galego".

Desde a oposición critican a creación deste novo organismo, sobre todo polo feito de que non presenta vantaxes funcionais respecto da actuación dunha axencia pública autonómica como a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), na que se integran o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán (CIF), a Estación de Viticultura e Enoloxía da Galiza (Evega) e o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico da Galiza (Lafiga), entre outros organismos. 

A única xustificación que lle ven é que, coa creación dunha fundación, que están nun segundo nivel na categoría de entidades públicas, o que lles impide contar con persoal funcionario ou laboral da Xunta, pretenda escapar dos rigores dos procedementos públicos de contratación e selección de persoal.   

Desleixo e mala xestión 

Como destacan desde as filas do BNG, "se o ente público Ingacal (precursor de Agacal) foi sumamente efectivo até 2009 e despois non serviu para cumprir os fins que motivaron a súa creación, foi culpa dos xestores posteriores a 2009, non sendo críbel botar a culpa nin sequera á crise económica do devalo dos centros de I+D da Xunta, senón á falta de convicción e de proxecto, unido a unha actuación non exenta de desleixo. Por tanto a adscrición da investigación agraria pública galega a unha fundación non resolve o problema. Cambiariamos de vehículo a un de peor calidade e co mesmo condutor", argumentan.

Neste senso, lembran que o acceso do Agacal aos fondos de investigación xestionados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) "estaba practicamente vetado" mentres existían "xenerosísimos convenios" con outros centros, "por exemplo, en 2015 asínase un convenio onde se consignan 6 millóns de euros para proxectos de I+D+i no sector cárnico, como vía de entrada de fondos para Coren", denuncian.

As contradicións do conselleiro de Medio Rural

As contradicións en Medio Rural son constantes, e non só por achegar fondos propios a convenios con outras administracións para duplicar servizos existentes mentres nega recursos aos seus propios centros. A comezos de 2018 o grupo parlamentario do PP instou o Goberno galego a reforzar a investigación en Mabegondo, no entorno do CIAM. Un dos asinantes era Xosé González, actual conselleiro de Medio Rural, que xa no cargo anunciaría un investimento de 10 millóns de euros para a adecuación do inmóbel que acollería o "espello do rural" de Sergude e trasladaría o banco de sementes do CIAM por estar "en precarias condicións", dous movementos que, sumados ao premio do concurso de ideas de Sergude ao que foron parar 300.000 euros dos exiguos orzamentos de innovación, provocaron o enfado público do persoal investigador que desenvolve a súa actividade nestes centros que, como no caso do CIAM, teñen a metade dos postos sen cubrir

Non máis 'chiringuitos'

Pola súa banda, desde as filas socialistas, o portavoz de Medio Rural do PSdeG, Martín Seco, esixiu á Xunta que investigue a situación da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, antes de crear a fundación. "Galiza non necesita máis chiringuitos ao servizo de Baltar e de Feixoo", indicou seco, antes de advertir ao Grupo Popular de que "esperen a ter a certeza de que os seus compañeiros de partido investigados xudicialmente non cometeron delitos contra a Facenda Pública con posíbeis desvíos de fondos". "Do contrario ─apuntou o portavoz socialista─ están a pór o mundo da investigación na Galiza aos pés dos cabalos, e vostedes serán cómplices por non teren adoptado medidas".

Así, criticou tamén a "falla de compromiso amosada polos sucesivos gobernos do PP", que non apostaron na incorporación de persoal investigador, así como os "continuos bandazos" da Xunta nesta materia.

Comentarios