A Xunta inicia o trámite para declarar BIC a biblioteca de Emilia Pardo Bazán

Así se acordou esta segunda feira nun encontro entre o presidente, Alberto Núñez Feixoo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes.
EuropaPress_3421651_presidente_xunta_alberto_nunez_feijoo_titular_rag_victor_freixanes
photo_camera O presidente da RAG, Víctor Freixanes, nunha reunión con Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press)

Hai algunhas semanas, coincidindo con todo o proceso de devolución do pazo de Meirás ao pobo, a Real Academia Galega (RAG) demandou á Xunta que declarase Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, parte da cal debería estar no inmoble que tentaron vender as e os familiares do ditador Francisco Franco.

Xusto agora que o BNG denunciou que houbo movementos para sacar obxectos do inmoble, dado que a Xustiza obrigou a entregar a propiedade ao Estado malia que sexa de forma temporal mentres se resolve un recurso, o Goberno de Alberto Núñez Feixoo acaba de apurar esa declaración como BIC.

Segundo explicaron hoxe fontes do Executivo galego, a petición da RAG terá resposta e o procedemento iniciarase de maneira “urxente”.

Esa cualificación de BIC afectará tanto aos máis de 7.000 fondos que xa garda a Real Academia -e que ficaban na propiedade do municipio de Sada- como aos 3.000 volumes da colección da escritora que hai (ou deberían estar) en Meirás.

Así o comunicou Núñez Feixoo esta mañá ao presidente da RAG, Víctor Freixanes, co que mantivo un encontro, acompañado do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Neste momento o equipo de Feixoo considera “fundamental” tirar desa figura de protección para garantir “a divulgación do legado”.

Así mesmo, quérese blindar "xa de maneira provisional a protección xurídica desta colección ao alcanzar o máximo nivel de tutela previsto na lexislación vixente". Así evitarase a desaparición dese patrimonio da Galiza.

Comentarios