A Xunta habilita un millón de euros para plans de continxencia do Brexit

O 'Cheque Brexit' permitirá ás empresas contratar servizos de consultoría para a diagnose de mercados.
Descarga no porto exterior da Coruña (Autoridade Portuaria).
photo_camera Descarga no porto exterior da Coruña (Autoridade Portuaria).

Aínda que a saída de Reino Unido da Unión Europea coñécese desde hai xa uns meses, o Goberno galego anuncia agora, cando xa é oficial, o denominado 'Cheque Brexit'. Trátase dunha liña de axudas dotada inicialmente cun millón de euros ─ que pode ser ampliado en caso de necesidade ─ para que un centenar de empresas poidan contratar servizos de consultoría co gallo de trazar plans de continxencia e diagnose de mercados.

As axudas cubrirán até 80% do gasto que realice cada compañía e tramitaranse en coordinación co Igape. As empresas beneficiares serán aquelas que teñan Reino Unido como un dos seus primeiros cinco mercados intracomunitarios de exportación, cun volume de negocio superior aos 100.000 euros nos tres últimos anos. Tamén poderán acollerse aquelas nas que Reino Unido sexa destino de máis de 10% das súas exportacións.

A Xunta tamén habilitará a partir do vindeiro mes de marzo unha oficina en Londres, onde ofrecerá un servizo integral de consultoría para que as firmas galegas con interese comercial no país poidan resolver as súas dúbidas en materia fiscal, laboral normativa e de aduanas. As previsións apuntan a que estea operativa na segunda quincena.

Segundo os datos do ICEX, que xa alertaba hai uns días da falta de plans de continxencia en determinados sectores produtivos galegos, Reino Unido situouse como cuarto destino das exportacións galegas, cun volume de 1.500 millóns de euros. Entre xaneiro e novembro, 503 empresas venderon os seus produtos no mercado británico, das que máis de 300 fano de forma regular. Produtos industriais, tecnoloxía, bens de consumo, automoción e moda son os principais bens exportados desde Galiza. 

Comentarios