Así o manifestou onte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante unha comparecencia parlamentaria para dar conta da evolución da coñecida como Lei Valentín Paz Andrade, na que se recollen accións deste tipo para fomentar os vínculos coa lusofonía.
Segundo as súas explicacións, a medida tómase despois de que o Ministerio de Asuntos Exteriores manifestase o seu interese en que fose o Estado español, no seu conxunto, o que entrase na Comunidade.
A candidatura galega presentábase en calidade de observador asociado, que é a fórmula que contemplan os estatutos da Comunidade para territorios non estatais. "Aínda se está dando corpo á presentación desa candidatura ao próximo pleno", avanzou García, quen recoñeceu que esta nova posibilidade "cambia" a forma na que Galiza se vai ver representada.
Segundo sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, éa CPLP "unha agrupación de Estados". Nese sentido, indicou que a Xunta non ve coherente que "na mesma convocatoria" do pleno "concorran España e Galiza" con dúas candidaturas. "Non parece moi coherente que, no mesmo acto, entre o Estado e unha parte dese Estado", resolveu, sen descartar por completo que nun futuro poida retomarse a opción galega. No seu momento, Valentín García cualificara a posibilidade de entrada da Galiza na CPLP como "un logro histórico, que abre unha multitude de oportunidades".
Críticas da oposición por este "retroceso"
Os grupos da oposición criticaron na sesión este "retroceso" e reclamaron á Xunta que manteña a candidatura galega, porque "non son excluíntes".
Ánxeles Cuña, do Grupo Común da Esquerda, reclamou que se "abran as portas" para "levar adiante" tamén a candidatura galega, unha cuestión para a que, como lembrou, xa "hai moito traballo feito".
Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil acusou a Xunta de "renunciar" a que Galiza presente a súa candidatura e de romper, con iso, "un acordo unánime desta Cámara". Tamén criticou que se supedite a representación de Galiza á do Estado español. "Trasladámoslle, con absoluta rotundidade, que o BNG ten un compromiso firme de que sexa Galiza a que ingrese e desenvolva a súa propia representación", engadiu Rodil, que lembrou que esta opción está presente na lexislación.
A deputada do Grupo Mixto Paula Vázquez Verao censurou que esta situación "fai retroceder un pouco os avances que se foron dando". "Non se trata de confrontar as dúas candidaturas, senón de entender que podemos manter a nosa", manifestou. "Non entendemos que non sexa compatíbel coa candidatura do Estado español", observou a deputada.