A Xunta exixe @s utentes da Risga "non exercer a prostitución nen a mendicidade"

O grupo parlamentar de AGE criticou as cartas que o goberno galego está a remitir ás persoas que perciben a renda social e que abranguen requisitos non recollidos na lei vixente. Aliás, denuncian que se lles submeta a un maior control que "a calquera cargo público". 

O deputado de AGE, Manuel Fajardo, deu a coñecer esta terza feira (29 de xullo) as cartas que a Xunta de Galiza está a remitir ás persoas perceptoras da Renda de inserción social galega (Risga). Nos documentos, o goberno galego obrigaas a "non exercer a prostitución nen a mendicidade", un feito que, denuncian, "non aparece [recollido] na lei en vigor" e constitúe, sinalou Fajardo, "unha obriga propia do século pasado". 

Segundo o parlamentar a actitude do goberno galego a respeito das persoas que reciben esta axuda económica reflicte un "nivel de control e seguimento moito maior" que o que se exerce "con calquera cargo público e político" cando as perceptoras da Risga reciben "amiúdo menos de 400 euros por unidade familiar". 

Fajardo (AGE) criticou que @s utentes da Risga reciban un maior control "que calquera cargo público ou político"

Neste senso, Manuel Fajardo fixo brincadeira en comparecencia de imprensa ao comparar as obrigas que se lle exixen a calquera representante público "cando toma posesión". A quen non se lle "recomenda", sinalou, "que non pasee con narcotraficantes, que non teña contas en Suíza ou que non quede con cartos públicos". 

Así pois, reclamou á Xunta de Galiza que só exixa "aos perceptores da Risga os requisitos que figuran na propia norma e que se sintetizan nun itinerario de inserción socio-laboral". 

Na súa comparecencia o parlamentar de AGE denunciou ademais que algúns concellos gobernados polo Partido Popular están a vulnerar os dereitos laborais d@s utentes da Risga ao seren contratad@s con "contratos lixo, que non cotizan e institucionalizan a opresión e a explotación". Nestes termos se referiu Fajardo á orde remitida pola Xunta que autoriza os gobernos locais a contratar perceptor@s desta axuda económica, por exemplo, nas brigadas forestais. "Repártese a miseria e véndese á moto aos explotados", subliñou. 

Comentarios