"A Xunta exclúe o galego da formación sobre Covid-19"

A Mesa anuncia que presentará unha queixa ás institucións sanitarias galegas pola “indefensión á que somete o goberno galego, unha vez máis, á cidadanía ao eliminar a nosa lingua da xestión da pandemia”
a mesa galega covid
photo_camera (Foto: A Mesa)

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a Xunta exclúe o galego da formación que están obrigadas a realizar as persoas que traballan en centros de atención diurna para persoas con discapacidade funcional ou maiores, para poder retomar a súa actividade. A formación só está dispoñíbel en español e emprega expresións como "Junta de Galicia".

"Unha vez máis", salienta o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "é a cidadanía galega a que ten que facer o esforzo de abandonar a súa lingua para poder entenderse co sistema público de saúde naquilo que respecta á Covid".

A formación só está dispoñíbel en español e emprega expresións como "Junta de Galicia"

A Mesa vén denunciando dende o pasado mes de marzo que "a atención que se nos presta aos galegos e ás galegas no noso idioma é practicamente inexistente en todo o relativo á Covid", dando lugar a "unha grave limitación ao noso dereito fundamental a expresármonos no noso idioma coa administración autonómica".

A Mesa sinala que ese “desprezo pola nosa lingua” amósase na atención telefónica, na app do Sergas (“que ofrece a información sobre o Coronavirus en castelán aínda que estea habilitada a opción en galego”) e no feito de que o presidente e os cargos políticos do sistema galego de saúde “prioricen o español nas súas comparecencias públicas sobre a pandemia”.

Comentarios