A Xunta exclúe a central maioritaria, a CIG, da súa xuntanza con sindicatos e patronal

A Confederación Intersindical Galega cualifica como “moi grave” a exclusión da reunión e afirma que tivo coñecemento da xuntanza “a través dos medios de comunicación”.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Nós Diario)
photo_camera Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Nós Diario)

A CIG considera “moi grave” que a Xunta “ignore” a primeira central sindical na Galiza da convocatoria das reunións que esta cuarta feira teñen lugar para tratar a situación laboral, económica e social do país en pleno proceso de 'desconfinamento' e das que a CIG afirma que tivo coñecemento a través dos medios de comunicación.

“Constitúe un exercicio de sectarismo que vulnera o dereito á representación dos miles de traballadores e traballadoras galegas que teñen apostado pola CIG”, afirma o sindicato nacionalista a través dun comunicado.

O secretario xeral, Paulo Carril, critica que a Xunta desprece as propostas socioeconómicas e laborais” que a central nacionalista ten elaboradas para “o proceso de retorno á actividade e as problemáticas existentes na crise derivada da emerxencia sanitaria”.

“Non son tempos de que o Goberno galego aplique a política do apartheid á CIG, como a leva practicando estes anos, nos que por sistema rexeitou as múltiples propostas e ILP que presentamos e que estiveron masivamente respaldadas"

Considera que a actitude do Goberno galego "demostra a nula vontade de afrontar esta grave situación tentando construír todos os entendementos e consensos posíbeis”.

“Non son tempos de que o Goberno galego aplique a política do apartheid á CIG, como a leva practicando estes anos, nos que por sistema rexeitou as múltiples propostas e ILP que presentamos e que estiveron masivamente apoiadas", di Carril.

A CIG afirma tamén que Goberno de Feixoo amosou “un absoluto desprezo polas institucións públicas galegas acordando a creación dun "comité de expertos" para deseñar unha saída á crise.

A central indica que xa existen organismos como o Consello Económico e Social (CES) e o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), con atribucións propias, e no que participan axentes socioeconómicos, organizacións sindicais e entidades da sociedade civil de acordo a súa representatividade”.

Comentarios