Imprimir

A Xunta négase a prohibir campionatos de caza do raposo

Redacción | 07 de febreiro de 2019

A Xunta négase a prohibir campionatos de caza do raposo. Defendeuno esta quinta feira no Parlamento a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, ao afirmar que “non se poden prohibir de forma unilateral” e escudouse na lei vixente.

Do Campo respondía a preguntas de PSdeG e BNG na comisión de Medio Ambiente. “Estes campionatos fanse no estrito cumprimento da legalidade vixente”, sinalou. Ademais, informou que, segundo os datos que manexa o Goberno galego, entre 2011 e 2017, foron abatidos 991 raposos nestes tipo de convocatorias, ao seu ver “só o 1,3% dos 75.779 aos que se deu morte no mesmo período”.

 

A socialista Patricia Vilán criticou, porén, que eses encontros “parecen máis lúdico festivos que de control cinexético” e afeou á Xunta que non “faga estudos para saber se realmente hai demasiados zorros”. E engadiu que, debido ás mudanzas na “conciencia social”, “cómpre darlle unha volta á normativa”.

 

“A Xunta quere converter Galiza nun santuario europeo para a matanza do raposo”, argumentou, pola súa banda, o deputado Luís Bará, do BNG, quen denunciou o apoio do PP a esta “masacre”. A directora xeral de Patrimonio Natural concluíu que “non procede a non autorización unilateral destes campionatos”.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/xunta-escudase-negase-prohibir-campionatos-caza-do-raposo/20190207170007075854.html


© 2020 Nós Diario