A Xunta Electoral denega o acto en conmemoración dos Mártires de Carral

Vía Galega denuncia o que considera un “recorte en liberdades” e anuncia que muda a data e formato da comemoración. A Xunta Electoral non autoriza o acto, afirma, "perante o risco de que se produzan actos de campaña electoral que poidan incidir no exercicio do dereito de voto".

[Imaxe: Pepe do Couto] Placa co nome dos Mártires de Carral
photo_camera [Imaxe: Pepe do Couto] Placa co nome dos Mártires de Carral

A Plataforma Vía Galega informa que recibiu unha comunicación da Xunta Electoral Provincial que lle denega a realización do acto programado para o 27 de abril para dar a coñecer e conmemorar os feitos da Revolución Galega de 1846 e en lembranza dos Mártires de Carral. A Xunta Electoral Provincial alega como motivo para non autorizar este acto, explica Vía Galega, a coincidencia da data coa xornada de reflexión e "perante o risco de que na mobilización se produzan actos de campaña electoral que poidan incidir no exercicio do dereito de voto".

Vía Galega denuncia publicamente a prohibición destes actos por parte da Xunta Electoral Provincial, “por coartar o dereito de liberdade de expresión ao alegar motivos electorais, cando é unha iniciativa cívica, plural, apartidaria, que non participa na campaña electoral nin fixo pronunciamento público ningún alusivo ao tema ou ás forzas políticas que se presentan”.

cartaz-acto-Via-Galega

O acto estaba previsto para o vindeiro sábado onde se ía representar a peza teatral “Abril de Lume e Ferro”, escrita por Manuel María, seguido dunha intervención de carácter histórico por parte dun portavoz de Vía Galega e dunha ofrenda floral diante do monumento que lembra os mártires.

“Deste xeito, ante este recorte de liberdades para dar a coñecer un feito tan relevante na historia de Galiza, Vía Galega opta por mudar o formato do acto e a data, co que se limita a realizar unha ofrenda floral, o venres 26 de abril, ás 12:00 horas, ao pé do Monumento aos Mártires da Liberdade, en Carral”.

O obxectivo da organización con este acto é dar a coñecer á sociedade galega os acontecementos de 1846, nos que unha sublevación popular e militar deu lugar á Xunta Revolucionaria do Goberno de Galiza, "fronte á política centralista española e reaccionaria capitaneada polo xeneral Narváez. Durante un mes, aquel ‘movemento insurrecto’, como foi cualificado na prensa da época, protagonizou, en clave nacional galega e progresista, combates contra as tropas enviadas polo Goberno español absolutista".


 

Comentarios