A Xunta Electoral da Coruña estima a reclamación de Vox pola cobertura da CRTVG

A Xunta Electoral Provincial da Coruña estimou a reclamación de Vox e declarouno grupo político significativo, a razón dos votos que obtivo nas pasadas eleccións xerais de abril. A súa decisión abre a porta á participación de Vox no debate electoral da CRTVG.
Debate electoral do 28 de abril [Imaxe: TVG]
photo_camera Debate electoral do 28 de abril [Imaxe: TVG]

A Xunta Electoral Provincial da Coruña estimou a reclamación de Vox sobre o plan de cobertura da campaña electoral da CRTVG. Nun comunicado, a formación lembrou que esta queixa foi formalizada o pasado 29 de outubro, ao considerar que o Plan non respectaba o pluralismo político e social, a igualdade, proporcionalidade e neutralidade informativa na programación dun medio público.

Unha vez presentada a reclamación, a Xunta Electoral da Coruña acordou recoñecer a Vox como grupo político significativo, baseándose nos resultados obtidos pola formación nas anteriores eleccións xerais do 28 de abril de 2019. Entón o partido obtivo 81.126 votos, 5,25% do total dos emitidos na Galiza, o que supera o 5% que esixe a Instrución da Xunta Electoral Central 1/2015 para recoñecer a un grupo político con esta categoría.

O outro grupo recoñecido como grupo político significativo é o BNG, que nas eleccións locais acadou 12,47% dos votos. A partir desta categoría o BNG foi incluído pola CRTVG no debate electoral de novembro proposto polo ente público. A decisión da Xunta Electoral da Coruña abre a porta así á participación de Vox no debate.

Comentarios