A Xunta da Galiza remitiu unha misiva dirixida á ministra do Goberno español para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribeira, para censurar e rexeitar a inclusión do lobo ibérico na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial.
A carta, asinada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, en nome do Goberno galego, advirte de que sería unha decisión "claramente contraria aos intereses" das comunidades do norte do Douro e que contan con importantes poboacións desta especie asentadas no seu territorio, con grandes consecuencias sobre o sector gandeiro debido aos ataques puntuais destes animais.
A prol da caza
O reforzo á protección do lobo suporía, di a carta da conselleira de Medio Ambiente, a prohibición xenérica da súa caza e unicamente permitiría a captura excepcional dalgún exemplar de lobo ibérico.
A Xunta advirte na misiva de que a proposta do Ministerio de Teresa Ribera vai na liña "totalmente contraria" ás políticas desenvolvidas na Galiza nos últimos anos para "buscar a compatibilidade" entre a existencia de mandas de lobos coa gandaría extensiva e a viabilidade das explotacións agrogandeiras nestas zonas.
Doutra banda, a titular de Medio Ambiente anunciou a próxima posta en marcha dos primeiros grupos de traballo vinculados á Rede de Reservas da Biosfera da Galiza.
O obxectivo destes grupos é o de afondar en temas concretos e de interese común para os seis espazos que contan actualmente con esta declaración no territorio.
Son os denominados área de Allariz, as Mariñas coruñesas e terras do Mandeo, Gerês-Xurés, os Ancares e montes de Navia, Cervantes e Becerreá; río Eo, Oscos e terras de Bourón; e mais terras do Miño.