A Xunta anuncia axudas económicas á hostalaría mais non reduce os alugueres

O sector da hostalaría ten que continuar a aboar pagamentos mentres está fechado.
Bares e restaurantes fechados en pleno centro da zona vella de Santiago de Compostela (Foto: Arxina)
photo_camera Bares e restaurantes fechados en pleno centro da zona vella de Santiago de Compostela (Foto: Arxina)

Logo do fechamento obrigatorio da hostalaría en 60 concellos anunciado esta semana polo presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, o Consello da Xunta abordou esta quinta feira, 5 de novembro, "unha liña urxente de axudas en apoio da hostalaría e do turismo", pendentes de seren negociadas co sector e coa Mesa de diálogo social. 

As axudas oscilarán entre un mínimo de 2.200 euros e un máximo de 7.000 aproximadamente, dependendo de se o negocio é un estabelecemento a cargo dunha persoa sen empregadas (recibiría a contía mínima) ou, se pola contra, tiver persoal contratado.

As axudas tamén dependerán do nivel de perdas e do tempo que leve fechado. Así, estaríase a falar de  1.200 euros como complemento á prestación por cese de actividade do Estado e 4.000 euros máis en caso de ter persoas empregadas, ter estado en ERTE nalgún momento desde que empezou a pandemia e ter unha baixada de facturación de máis de 50% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Aliás, poderase contar con 1.000 euros máis por cada mes que teñan que permanecer co feche posto.

"Estas son axudas adicionais á bonificación de 100% da Seguridade Social e de 70% do salario" que cobren os ERTE do Estado, dixo Feixoo, subliñando que co feche obrigado da hostalaría estes negocios teñen posibilidade de volveren solicitar expediente de regularización de emprego temporais.

Durante a comparecencia o presidente reiterou que as axudas da Xunta son "adicionais" ás estatais e, de facto, aproveitou para pedir ao Executivo de Pedro Sánchez a redución do IVE no sector turístico a 4% mentres dure a pandemia. Tamén mandou deberes aos concellos: eximir de impostos o sector hostaleiro en 2020.

En conclusión, a Xunta anuncia medidas "adicionais" e carga sobre outras Administracións a responsabilidade de salvar o sector ao que a propia Xunta prohibe traballar. Esta actuación contrasta coa tomada noutros territorios, como en Catalunya, onde a Generalitat, após decretar o cese de actividade na hostalaría, aprobou a redución para o sector dos prezos dos alugueres a 50%, sempre que hostaleiro e propietario do local non chegasen a un acordo para baixar o custo. 

Tornando á Galiza, a comparecencia do presidente non permitiu esclarecer o orzamento que a Xunta destinará para as súas axudas, pois dependerá, segundo indicou Feixoo, da cantidade que cada estabelecemento solicite entre eses 2.200 e 7.000 euros. "Superarán desde logo os 12 millóns", dixo Feixoo, engadindo que "o número de entidades que poden solicitalas son nos 60 concellos con restricións 12.800 estabelecementos afectados, 7.000 nas cidades. No total da hostalaría estamos falando de 21.000".

Feixoo quere "salvar o Nadal" sen concretar se haberá turismo

Só os 60 concellos galegos con feche perimetral fican blindados ao turismo. Porén, a apelación reiterada do presidente da Xunta a "salvar o Nadal" coas novas restricións e poder regresar a "certa normalidade de hábitos de consumo e sociais" fai preguntarse se decembro repetirá o esquema do verán en canto á libre chegada de visitantes do Estado e de todo o mundo.

Mais Feixoo preferiu non adiantar acontecementos. Así, preguntado a este respecto por Nós Diario, o presidente limitouse a responder que "anticipar decembro cando acabamos de fechar... é prudente esperar e ver, pero calquera persoa que nos visita ten que cumprir as mesmas normas que temos na Galiza". A previsión é que as restricións duren un mes e reactivar o consumo no Nadal, mais rematou matizando que non se pode descartar ter que mantelas máis tempo. 

O sector da hostalaría galega pide un plan de rescate

Ás poucas horas de o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciar ante a prensa a liña de axudas do Goberno galego ao turismo e hostalaría, o sector da restauración e a hospedaxe acusou nun comunicado público de "desproporcionadas" algunhas das restricións que soportan e piden aos Gobernos galego e español un "plan inminente de rescate" que inclúa medidas como a exoneración da parte da cotización empresarial de 85% ou 75% (en función do número de traballadores), así como a exoneración da cota de autónomos en calquera das modalidades, limitación ou impedimento. 

O comunicado, asinado por seis asociacións que cobren a xeografía galega, reclama axudas directas a autónomos para complementar, cando menos, 70% da base de cotización actual cun mínimo de 1.200 euros mensuais. Tamén piden a paralización de taxas e impostos en todos os abastecementos de enerxía e garantir a ausencia de cortes de subministración motivados por impago.

O comunicado exixe a compensación de taxas e impostos até decembro de 2020 e a anulación dos mesmos para 2021 do canon de saneamento da Xunta, do imposto de actividades económicas e do IBI.

Así mesmo, o sector pide  que se estabeleza o IVE reducido a 4% para as actividades de Hostalaría e Turismo e o estabelecemento de axudas directas por valor de 30.000.000 euros que compensen como mínimo 50% das perdas ocasionadas polo fechamento. 

Ademais, o sector chama a decretar a redución dos alugueres a 50%, seguindo a liña marcada polo real decreto aprobado en outubro pola Generalitat de Catalunya.

Comentarios