Imprimir

A Xunta amplía en 5 millóns as axudas ao sector hostaleiro

Redacción | 20 de novembro de 2020

Imaxe de arquivo de clientela nunhas terrazas en Ourense. (Foto: Europa Press)
Imaxe de arquivo de clientela nunhas terrazas en Ourense. (Foto: Europa Press)
Hostalaría Compostela asegurou hoxe que non se suma ao mesmo, xa que considera que as contías seguen sendo "insuficientes", moi lonxe dos 45 millóns de Euskadi ou dos 38 de Murcia.

A hostalaría galega conseguiu que a Xunta incrementase a contía das axudas para o sector, mais non tanto como lles gustaría. Os cinco millóns que agora engade o Goberno galego aos 12 xa anunciados quedan aínda lonxe dos 30 que considera necesarios o empresariado afectado para facer fronte á difícil situación económica derivada do fechamento dos seus negocios. Con este incremento, as contías mínimas a percibir acadarán os 6.700 euros e as máximas chegarán até os 9.200. 

A medida adoptouse mediante unha declaración asinada no curso dunha nova reunión que realizaron en Compostela o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, coa Mesa de negociación da hostalaría da Galiza.

O vicepresidente Rueda comprometeu unha tramitación áxil e sinxela por parte da Xunta das axudas, que, apuntou, estarán publicadas antes de que remate o mes para que as persoas beneficiarias poidan empezar a percibilas desde decembro.

A conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, sinalou que a Xunta apoia "con maior contundencia o sector do que o fai o Estado" como, por exemplo, "rebaixando as esixencias de perdas dos estabelecementos a 45% con axudas que ademais son compatíbeis e acumulábeis entre si, para beneficiar o empresariado máis afectado".

Pola súa banda, o presidente do Clúster de Turismo da Galiza, Cesáreo Pardal, expresou a través dun comunicado a súa "satisfacción" por este acordo, que, segundo defende, vai na liña do plan solicitado polo sector para "afrontar a supervivencia agora e a reactivación cando sexa posíbel". Pardal tamén se mostrou agradecido pola actitude de diálogo mostrada polas persoas representantes do sector e da Xunta durante o proceso de negociación.

Compostela desmárcase

Mais a escasa dotación de fondos públicos, aínda coa suba, fai que boa parte do sector non estea satisfeita co acordo.

Neste senso, Hostalaría Compostela asegurou esta sexta feira que non se suma ao mesmo, xa que considera que as contías seguen sendo "insuficientes", moi lonxe dos 45 millóns de Euskadi ou dos 38 de Murcia ─calculan un mínimo 30 millóns para Galiza─, e que o Executivo galego debería aclarar "como será a volta ao traballo".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/xunta-amplia-5-millons-axudas-ao-sector-hostaleiro/20201120182415109504.html


© 2020 Nós Diario