Este mes de xullo que despedimos hai uns días foi o máis caluroso no mundo desde que existen rexistros, segundo o servizo europeo Copernicus sobre a mudanza climática. Foi 0,56ºC máis cálido que o promedio para este mes de 1981 a 2010. E foi 0,04º máis quente que xullo de 2016, que era o máis caloroso até o de agora. A temperatura media foi de 16,6 graos.
En Europa, as temperaturas de xullo foron superiores ás do promedio antes citado, se ben con grandes diferenzas en todo o continente. A parte occidental estivo por riba do promedio, en grande medida debido ás vagas de calor da última semana de xullo. Unhas vagas das que zafou Galiza que, até o de agora, está a ter un verán menos caloroso que o resto da Península.
Porén, os dados indican que nos últimos anos houbo mudanzas importantes a respeito do tempo na Galiza. Así, hai veráns máis longos (até 6 semanas máis que a inicios da década dos 80) e de máis temperatura.