Ferreiro pide perdón polo plan de vivendas sociais, mais non depura responsabilidades políticas

A oposición do PP forza un pleno sobre o asunto, que decorrerá esta cuarta feira. "Un alcalde pode recoñecer un erro. Pode pedir perdón", di o alcalde da Coruña nas redes sociais. Mais non está previsto que se asuman responsabilidades políticas dentro do executivo local.

XF
photo_camera Xulio Ferreiro atende os medios [Foto: Concello da Coruña]

O plano de adquisición de vivendas para o aluguer social pretendía incrementar o parque público de moradas do concello da Coruña. Vai finalizar coa compra dun único piso. Un auténtico fiasco, adubiado, aliás, con sospeitas de irregularidades na adquisición de dúas vivendas a unha persoa da contorna de En Marea. 

O problema básico do plano é que os prezos que se ofertaban estaban moi por debaixo do mercado e que, alén do máis, se exixían unhas determinadas condicións —canto ás dimensións e ás características das vivendas— difíceis de cumprir por parte das persoas interesadas en vender.

Para a oposición do PP, que ten descargado toda a súa artillaría contra o executivo mareante, este affaire mostraría a incompetencia da equipa de Ferreiro e a súa tendencia ao nepotismo, a favorecer persoas ou entidades próximas á confluencia. Até agora a presión apenas ten resultado na demisión dunha xefa de servizo, mais Ferreiro se resiste a entregar as cabezas dos dous políticos que son o albo da campaña conservadora: os concelleiros de Rexeneración Urbana e Contratación, Xiao Varela e Alberto Lema, respectivamente.

En twitter, Ferreiro pediu desculpas pola xestión deste asunto, que cualificou de "erro". A idea era boa, mais non a súa execución. En Marea promete tomar boa nota e facelo mellor na próxima convocatoria.

 

Os feitos son que o parque de vivendas municipais estaba dotado con máis de 400 pisos á chegada da equipa de Ferreiro a María Pita e que neste mandato En Marea só conseguiu aumentar ese patrimonio cunha morada máis. 
 

Comentarios