APELA AO "ENTENDEMENTO" CO PSOE

Xulio Ferreiro apoia crear un “partido instrumental” arredor de En Marea

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica) apoia a proposta de Xosé Manuel Beiras de constituír un “partido instrumental”arredor de En Marea que lle outorgue maior autonomía e lle permita contar con grupo parlamentar de convocárense novas eleccións.

Xulio Ferreiro, na entrevista coa Ser
photo_camera Xulio Ferreiro, na entrevista coa Ser

Preguntado pola xornalista Consuelo Bautista nunha entrevista concedida a Radio Coruña-Cadena Ser, o alcalde da Coruña apoiou a proposta de Beiras para a constitución do que denominou “partido instrumental” arredor de En Marea.  “Un partido instrumental permite que detrás dese partido exista un movemento amplo”, apuntou Xulio Ferreiro, quen puxo como exemplo a Marea Atlántica.

“A cuestión non é partido si ou partido non, senón para que o utilizamos e que hai detrás”, insistiu a respeito da conformación dun “partido instrumental” no seo de En Marea. “Está ben usar unha fórmula xurídica que permita” que En Marea constitúa grupo parlamentar propio, respondeulle Ferreiro á xornalista cando conversaron sobre a imposibilidade da coligazón de contar con grupo de seu e sobre a posíbel convocatoria dunhas novas eleccións.

Xulio Ferreiro di que desaloxar o PP da Xunta "pasa por nos entendamos" co PSOE

Entendemento co PSOE

Preguntado pola reunión con Pedro Sánchez, o alcalde da Coruña asegurou que “non fun negociar nada”. “Sería desproporcionado formular a cuestión” a respeito do apoio de En Marea a un posíbel goberno de Pedro Sánchez, salientou Ferreiro, quen lembrou que non forma parte da coligazón.

Sobre as relacións co PSOE, subliñou que “os Gobernos do cambio pasan por un entendemento entre o noso espazo político e o PSOE”. Afirmou que houbo entendemento á hora de se investir a alcalde e asegura que existen “entendementos programáticos”. Advertiu de que desaloxar o PP da Xunta “pasa por que nos entendamos”.

Comentarios