SOCIAL

Un xulgado recoñece a relación laboral entre un matadoiro en Castro de Rei e 167 falsas autónomas

A resolución chega tras outro recente no mesmo sentido contra Servicarne e a empresa do grupo Coren Novafrigsa. Neste caso, o xulgado ve probada a relación laboral entre as autónomas de Servicarne e do matadoiro SADA.
Protestas contra Servicarne (arquivo/CIG).
photo_camera Protestas contra Servicarne (arquivo/CIG).

O Xulgado do Social Número 2 de Lugo declarou a existencia de relación laboral entre un matadoiro de aves e coellos en Castro de Rei, SADA  P.A. Castilla Galicia, e 167 falsas autónomas de Servicarne.

Contra este fallo do 19 de maio, ao que tivo acceso Europa Press, cabe presentar recurso na sala do social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Nos feitos probados figura que nunha visita de inspectora ao matadoiro constatouse "a inexistencia da realidade da cooperativa Servicarne" ao non contar cos elementos configuradores deste tipo de sociedade como "carencia de estrutura propia".

Así, a sentenza identifica "unha fraude de lei" coa inexistencia de contrato de prestación de servizo entre a falsa cooperativa Servicarne e o matadoiro.

Recentemente, o Xulgado do Social Número 3 de Lugo tamén declarou a existencia de relación laboral entre máis de 250 falsos autónomos de Servicarne e Novafrigsa, que traballaban en matadoiros desta filial de Coren.

Constata unha "fraude masiva"

A respecto disto, Comisións Obreiras sinala nun comunicado que esta decisión do xulgado susténtase nas argumentacións do servizo xurídico do sindicato durante o xuízo para demostrar "o armazón que SADA e Servicarne utilizaban para obter man de obra barata e con escasos dereitos laborais".

Pola súa banda, a CIG valora este "novo revés contra a fraude masiva" na contratación a través da falsa cooperativa, nun sentenza que "rexeita de maneira contundente todos e cada un dos argumentos esgrimidos" tanto por SADA como por Servicarne.

Neste sentido, a CIG aplaude este fallo após os "anos" de denuncias por esta situación de "rebaixa dos dereitos salariais, laborais e de cobertura doutras prestacións".

Comentarios