Imprimir

Un xulgado obriga a vacinar unha anciá pola Covid nunha residencia de Santiago após a negativa da filla

Redacción / Europa Press | 13 de xaneiro de 2021

Unha sanitaria sostén unha vacina da Covid-19. (Foto: Sven Hoppe / Dpa)
Unha sanitaria sostén unha vacina da Covid-19. (Foto: Sven Hoppe / Dpa)
As actuacións incoáronse o sábado, día 9, cando este xulgado estaba de garda e por mor da solicitude remitida polo centro residencial para maiores DomusVi San Lázaro.

O Xulgado de Instrución número 2 de Santiago de Compostela obrigou a vacinar a unha anciá dunha residencia da capital galega ante a negativa da filla a que fose vacinada e dado o grao de deterioración cognitiva da muller para tomar unha decisión, segundo recolle un auto ao que tivo acceso Europa Press.

As actuacións incoáronse o sábado, día 9, cando este xulgado estaba de garda e por mor da solicitude remitida polo centro residencial para maiores DomusVi San Lázaro ante a campaña de vacinación dos seus residentes, prevista para o día seguinte, e a negativa da filla da muller a que recibise a vacina.

No seu escrito, o centro apuntaba que a anciá presentaba unha capacidade "moi limitada" desde o punto de vista cognitivo, algo que o auto ratifica após solicitar o informe forense.

Este afirma que a muller "non está, polo grao de deterioración cognitiva padecido, en condicións de participar, sequera minimamente, na decisión que se adopte acerca da conveniencia da súa vacinación".

Por iso, e após escoitar os argumentos da filla, entre eles os posíbeis efectos secundarios, o xuíz incide no "risco menor" de administrar a vacina á anciá, á vez que se remite ao informe forense sobre a seguridade das vacinas defendida pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Argumentos

No auto, o xuíz rexeita as razóns aducidas pola filla, sexan "compartidas", indica sobre "a dificultade e a carga de responsabilidade que implica a obrigación de ter que decidir por outra persoa" ou non o sexan.

"A presión á que lle somete a posición adoptada polos seus irmáns e o temor que lle  infunde a reacción destes ante potenciais efectos  indesexados da vacina", engade sobre outro dos argumentos expostos pola filla da anciá.

Pola contra, insiste en que tanto da comunicación efectuada pola residencia, sobre que a muller "carece das facultades precisas para adoptar unha decisión consecuente" e que, engade, "confirmou a filla", como do informe forense, evidénciase que a anciá non ten "capacidade" para decidir ela mesma.

Neste contexto, e ante o feito de que a vacina se fose a fornecer ao día seguinte, remítese ao "beneficio" de poñer a vacina fronte ao "risco maior" de non facelo. "Sendo certo que o propio feito da vacinación supón un risco", incide en que o omitila "tamén o implica".

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/xulgado-obriga-vacinar-ancia-nunha-residencia-santiago-apos-negativa-da-filla/20210113104501113651.html


© 2021 Nós Diario