O Estado cita os Franco o 31 de xaneiro para reclamarlles a devolución de Meirás

O Xulgado fixa a audiencia previa ao xuízo sobre o pazo de Meirás. Terá lugar o próximo 31 de xaneiro ás 10 horas, ten como obxecto tentar alcanzar un acordo ou transacción entre as partes. 

Pazo de Meirás
photo_camera Pazo de Meirás. Abaixo [Imaxes de arquivo]: Emilio Grandío; e Goretti Sanmartín con Carlos Babío na Deputación da Coruña en setembro de 2017.

A letrada do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña convocou as partes intervenientes na causa á audiencia previa ao xuízo derivado do proceso iniciado polo Estado o pasado mes de xullo para reclamarlle á familia Franco a propiedade do pazo de Meirás. A audiencia, que terá lugar o próximo 31 de xaneiro ás 10 horas, ten como obxecto tentar alcanzar un acordo ou transacción entre as partes. Nela, segundo indica a letrada na resolución, tamén se examinarán as cuestións que poidan impedir o seguimento do proceso e se fixarán “con precisión” o obxecto do preito e “os extremos de feito e de dereito sobre os que exista controversia”. Ademais, durante a audiencia poderase propoñer e admitir proba e examinar “as cuestións que, con carácter excepcional, a lei prevé que se poidan expor”.

A letrada tamén informa as partes da posibilidade de recorrer a unha negociación para tentar solucionar o conflito, “incluído o recurso a unha mediación”. Nese caso, deberán informar na mencionada audiencia da súa decisión e explicar as súas razóns. Contra a resolución cabe presentar recurso de reposición nun prazo de cinco días.

"É tempo de ir normalizando"  

O historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, que presidiu a comisión no Parlamento de Galiza para a recuperación do Pazo de Meirás, comenta que "o proceso segue o seu carreiro e estanse a dar os pasos legais precisos". Núñez Seixas considera "unha boa noticia" que se lle poña data o comezo do xuízo, e apunta: "Mellor tarde que nunca, pero neste caso non nos podemos queixar porque a demanda presentouse no mes de xullo e en setembro xa hai data para xaneiro".

O historiador Emilio Grandío.Outro historiador, Emilio Grandío, que tomou parte na comisión parlamentaria e foi un dos encargados de redactar o informe para a Xunta Pro Devolución impulsada por Goretti Sanmartín na Deputación da Coruña, di que "oxalá este proceso supoña un cambio de perspectiva do Estado respecto da herdanza do franquismo e da herdanza da propia familia Franco". Grandío considera que é tempo, "despois de máis de corenta anos" de ir "normalizando a situación" e lembra que agora "a reclamación sobre Meirás está en boas mans, en mans da xustiza" pero tamén "é froito do traballo de moita xente desde a sociedade civil, que fixo a súa parte".

"Por fin chegou a data", di Carlos Babío, cuxas investigacións reunidas no libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio. "O feito que se inclúa unha referencia expresa á conciliación na convocatoria ás partes, parece que indica que hai causa", opina. E engade: "A demanda da Avogacía do Estado está moi ben fundamentada e, polo que parece, a resposta dos avogados dos Francos vai ser bastante frouxa". Babío lembra que "estamos diante do punto de partida no proceso xudicial, pero detrás hai anos de traballo, e seguirei dicindo que chegamos 44 anos tarde, porque isto debeu quedar resolto despois da morte do ditador".

Benito Portela, alcalde de Sada, considera unha gran noticia "que se teña posto data o inicio do xuízo" e espera que pronto "se poida poñer fin a unha vergoña". Portela lembra que desde o Concello de Sada se apostou polo "consenso" e pola "unidade de acción" que se concretou na Xunta Pro Devolución e na comisión parlamentaria de expertos. "Agora, os argumentos da demanda parecen o suficientemente sólidos para rematar coa vergoña de que os Franco sigan ocupando o Pazo", di.

"Rematar co franquismo"

Goretti Sanmartín e Carlos Babío, en setembro de 2017 na Deputación da Coruña. Pazo de Meirás. Espolio. Franquismo“Sabiamos que a recuperación do Pazo só sería posíbel a través dun proceso xudicial e quixemos que fose fundamentado, que houbese base legal para que a reclamación chegase a bo fin. Cos informes na man, tiñamos claro que o tema chegaría aos xulgados porque politicamente era impensábel que as institucións implicadas desen as costas á posibilidade de recuperar o Pazo", lembra a impulsora da Xunta Pro Devolución no verán de 2017, Goretti Sanmartín, daquela na vicepresidencia da Deputación nun co-goberno PSOE-BNG.

"Para dicilo claramente. O informe encargado pola Deputación da Coruña facía case imposíbel non intentar esa vía xudicial para reclamar á familia Franco a propiedade", subliña Sanmartín, agora concelleira nacionalista en Compostela.

"Está claro que a este momento chegamos pola mobilización social de décadas, pola reclamación continuada para que o Pazo deixase de ser un exemplo da impunidade do ditador. E non teño dúbida tampouco de que nestes meses esa reclamación social seguirá insistindo para que o proceso chegue a fin", opina Sanmartín. 

E conclúe: "Queremos a propiedade do Pazo para o público mais queremos tamén rematar de vez coa herdanza do franquismo, con esa impunidade que non se deu en ningunha ditadura europea.

[Noticia en ampliación]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios