Visto para sentenza o 'proceso ao procés'

Un xuízo político de principio a fin

Presos políticos privados de liberdade desde finais de 2017. Cargos gravísimos (rebelión, sedición, malversación de fondos) sen probas. Un código penal que exixe alzamento violento para calificar un acto de rebelión. Tres coches da garda civil machucados por todo balance. O proceso ao procés ficou esta cuarta feira visto para sentenza, prevista para outono. Un xuízo político que preanuncia unha resolución condenatoria. Un conflito que non vai achar solución na area xudicial. E unha conclusión: "O mellor para todos é devolver a cuestión á política". Palabra de Oriol Junqueras.

junqueras
photo_camera Oriol Junqueras, durante o seu testemuño

4 meses de xuízo. 422 testemuños. O foco posto nos acontecimentos que desembocaron no referendo de 1 de outubro de 2017 e na declaración unilateral de independencia proclamada polo Parlament o 27 dese mesmo mes. 12 persoas acusadas, entre elas o ex vicepresident da Generalitat, Oriol Junqueras, a ex presidenta do Parlament, Carme Forcadell; e os líderes cívicos Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, presidentes da Asamblea Nacional Catalana e Ómnium Cultural, respectivamente. Cargos contra eles de rebelión (ilícito penal que pode comportar penas de até 25 anos de prisión), sedición e malversación de fondos. Delitos perfectamente descritos no código penal sen encaixe fácil cos feitos tidos como probados pola sala do penal do Tribunal Supremo, no mínimo iso é o que pensa a maior parte das e dos xuristas independentes.

Unha lectura rigorosa e obxectiva do desenvolvimento do xuízo permite afirmar que a fiscalía non achegou material probatorio que sosteña as súas graves acusacións (até figuras do establishment xornalístico español como Iñaki Gabilondo ve o asunto moi "collido polos pelos"). O alegato a favor da existencia de rebelión feito polo Ministerio Público carece de sustancia. Nun estado de dereito non se poden confundir os actos vandálicos(danos en vehículos da garda civil, rabuñazos a policías no contexto de cargas contra civís indefensos) co alzamento violento, condición sine qua non de acordo co código penal español para falar de rebelión. Canto á convocatoria do referendo de autodeterminación, esa acción foi deliberadamente despenalizada polo lexislador na reforma do código penal de 2005, 12 anos antes de o Govern do agora exiliado Carles Puigdemont chamar ás urnas.

Nun estado de dereito non se poden confundir os actos vandálicos(danos en vehículos da garda civil, rabuñazos a policías no contexto de cargas contra civís indefensos) co alzamento violento

É tan evidente a falta de fundamentación do delito de rebelión que a Avogacía do Estado, a voz do Goberno Sánchez no xuízo, optou por non presentar este cargo contra os acusados, aos que só imputaría o ilícito de sedición, con menos carga punitiva (15 anos no máximo). Mais tampouco parece que os feitos podan ser calificados como accións sediciosas, pois non existe por ningures o alzamento "tumultuario" e, desde logo, de existir este tampouco podería ser atribuído ás persoas acusadas.

Entón? Entón teriamos como moito un delito de desobediencia á autoridade, castigado con penas de seis meses a un ano de prisión (ao tratárense de persoas sen antecedentes ningún dos acusados tería que ir ao cárcere) e a imposición dunha multa. Si podemos rastrexar na actuación dos líderes políticos independentistas resistencia a desobedecer instrucións de órganos estatais, mais deste ilícito curiosamente non foron acusados, o que claramente reforza a impresión de que o xuízo é puramente político.

Teriamos como moito un delito de desobediencia á autoridade, castigado con penas de seis meses a un ano de prisión (ao tratárense de persoas sen antecedentes ningún dos acusados tería que ir ao cárcere) e a imposición dunha multa

O paradoxo é que, sendo vítimas dun xuízo político, os presos independentistas fixeron unha chamada á política na súa última quenda de defensa, xa no acto de clausura da vista oral. "Votar e defender a República desde un Parlamento non pode constituír delito", dixo no seu descargo Oriol Junqueras. "A vontade de diálogo, de negociación e acordo, desde o respecto aos dereitos humanos e ás liberdades fundamentais, xamais debería ser un delito", alegou.

"Calquera político, como calquera persoa, comete erros, mais sempre evitei a má política que nega o diálogo, a negociación e o acordo, e que, entendo, lles ten traspasado a vostedes a responsabilidade de ditar sentenza. Creo sinceramente que o mellor para todos, para Catalunya, para España, para Europa, para todos, sería devolver a cuestión á política, á boa política, de onde nunca debería ter saído. Devolver o asunto ao terreno do diálogo, a negociación e o acordo", acrecentou Junqueras.

Ben, todo indica que a sentenza será política, mais non da boa política á que apela o líder independentista.

E, despois de a resolución xudicial ser ditada, o conflito continuará nas mesmas, e talvez empeorado, 

Comentarios