Opinión

O xuízo do procés é unha farsa

Falemos claro da raíz deste xuízo: a xustiza española invéntase un delito de rebelión que non existe en Europa. Os presos políticos cataláns son xulgados e “secuestrados” en prisión durante case dous anos en aplicación do artigo 384 bis introducido pola Lei Orgánica 4/1988, de 25 de maio («B.O.E.» 26 maio), de reforma da Lei de Enxuizamento Criminal: “Firme un auto de procesamento e decretada a prisión provisional por delito cometido por persoa integrada ou relacionada con bandas armadas ou individuos terroristas ou rebeldes, o procesado que estivese ostentando función ou cargo público quedará automaticamente suspendido no exercicio do mesmo mentres dure a situación de prisión”.

Cando Puigdement é detido en Alemaña un tribunal dese país consideraba “non admisíbel” a petición da súa entrega á xustiza española por un delito de rebelión porque non existiu o grao de violencia «suficiente». E lembraba que «a pena de traizón prevista en Alemaña en virtude do artigo 81 do Código Penal se baseaba nun nivel de violencia que non foi acadado polos conflitos en España». Tampouco admitía que houbese un delito de perturbación da orde pública. En definitiva, non houbo delito de rebelión e sedición e só admitía que fose extraditado a España por presunta malversación. O ridículo da xustiza española foi maiúsculo porque inventaron uns delitos que non contemplan as leis en Alemaña, Bélxica ou Escocia onde tamén están exiliados outros políticos e políticas soberanistas.

Quen son os xuíces protagonistas desta represión política? Carlos Llarena, o xuíz que inventou o delito de rebelión, foi até 2015 presidente da conservadora Asociación Profesional da Maxistratura (APM). Para chegar a instruír a Causa Especial do Supremo contra os líderes soberanistas cataláns percorreu un longo camiño, que parece bastante predeterminado polas manobras do poder xudicial. O ascenso deste maxistrado até a Sala Segunda do Tribunal Supremo iniciábase o 14 de xaneiro de 2016 na Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) que decidía a presentación dunha terna de candidatos/as, que excluía a oito dos trece candidatos/as á praza vacante. Dúas semanas despois, o Pleno do CXPX de 28 de xaneiro decidía o nomeamento de Llarena, sen que Ángel Juanes, vicepresidente do CXPX (substituía o presidente, Carlos Lesmes) se entrevistase con ningún dos candidatos. Ante estas irregularidades, Xuíces para a Democracia denunciaba o nomeamento de Llarena e pedía a anulación porque vulneraba a lei, o regulamento do Tribunal Supremo e a Constitución. Meses despois, Llarena era designado para instruír o proceso contra os políticos soberanistas, sen que se respectasen as normas aprobadas polo Tribunal Supremo para o reparto das Causas Especiais. Pascual Sala, ex–presidente do Tribunal Supremo, do Tribunal Constitucional e do Consello Xeral do Poder Xudicial, tampouco coincidía co xuíz Llarena e manifestaba na radio catalá: “para mí es muy difícil, por no decir imposible, que exista un delito de rebelión, por no decir que me parece problemático que exista un delito de sedición”. E engadía: “desde el punto de vista político, las cárceles no ayudan a resolver los problemas políticos. Hay que evitar que la política acabe derivando en cuestiones judiciales”. Por outra parte, Carmen Calvo, daquela vicepresidenta do Goberno, tamén declaraba que para cometer o delito de rebelión  era necesaria a utilización de “instrumentos de fuerza que en cualquier legislación, aquí y por ejemplo en la alemana, están conectados con las armas”.

O xuíz Manuel Marchena, que preside a Sala do Penal do Tribunal Supremo (Sala Segunda), tivo protagonismo en xuízos que beneficiaban ao PP. Presidiu o tribunal que arquivaba a investigación do Máster de Pablo Casado, por non atopar indicios de prevaricación e suborno impropio, aínda recoñecendo que houbo “trato de favor”

O xuíz Manuel Marchena, que preside a Sala do Penal do Tribunal Supremo (Sala Segunda), tivo protagonismo en xuízos que beneficiaban ao PP. Presidiu o tribunal que arquivaba a investigación do Máster de Pablo Casado, por non atopar indicios de prevaricación e suborno impropio, aínda recoñecendo que houbo “trato de favor”. Marchena e outros catro maxistrados tamén decidiron non investigar a Jorge Fernández Díaz, ex–ministro de Interior,  polas escoitas co ex–director da Oficina Antifraude de Cataluña, na que falaban sobre como utilizar a Fiscalía para atacar a dirixentes independentistas.

O goberno do PSOE e o PP pactaban en novembro de 2018 que Marchena fose o presidente do CXPX, así como o reparto dos postos dese goberno dos xuíces: 10 candidatos propostos polo PSOE e 10 polo PP máis a Presidencia. Ignacio Cosidó, portavoz do PP no Senado e ex–director xeral da Policía Nacional, explicaba así a bondade dese pacto co PSOE nunha mensaxe de whatsApp aos 146 membros do seu grupo parlamentario: “Obtenemos lo mismo numéricamente, pero ponemos un presidente excepcional [en referencia a Marchena], un gran jurista, con capacidad de liderazgo y autoridad para que las votaciones no sean 11-10, sino próximas a 21-0. Y además, controlando la sala segunda por detrás [é a competente para xulgar a persoas deputadas, senadoras e aforadas] y presidiendo la sala 61 [especializada nos temas relacionados coa ilegalización de partidos políticos]”. E concluía Cosidó: “Ha sido una jugada estupenda. Nos jugábamos las renovaciones futuras de dos tercios del Supremo y cientos de nombramientos en el Poder Judicial, vitales para el PP y para el futuro de España”. Coñecidos estas mensaxes, Marchena anunciaba ao día seguinte, 20 de novembro de 2018, a súa renuncia a presidir o CXPX.

O Código Penal de 1995, denominado daquela como “novo código penal da democracia”, aprobouse cos votos do PSOE (estaba no goberno), EU e nacionalistas vascos e cataláns. O de rebelión foi un dos delitos contra a Constitución que suscitou máis debate. Diego López Garrido, deputado do PSOE, incorporou unha emenda, que foi aprobada, para que a rebelión, que podería ser castigada con penas de até 30 anos de cárcere, tivese que ser mediante o uso da violencia. Cando a Fiscalía acusaba os dirixentes políticos do Govern por delitos de rebelión, López Garrido deixaba claro que a Declaración Unilateral de Independencia (DUI) aprobada no Parlament, non encaixa de ningunha maneira co delito de rebelión, recollido no artigo 472 do Código Penal: «El delito de rebelión no es solamente  declarar la independencia de una parte del territorio de España. Son reos de rebelión los que se alzaren violenta y públicamente para cualquiera de los fines empleados, uno de ellos, la independencia». E concluía: “Con el Código Penal no puedes hacer interpretaciones, son muy precisas”. Para este catedrático de Dereito Constitucional tampouco habería sedición. Como moito podería haber un presunto delito de malversación e desobediencia que non leva consigo cárcere, senón inhabilitación. Posteriormente, López Garrido disentía publicamente da cualificación xurídica de delito de rebelión que facía o maxistrado instrutor Pablo Llarena e insistía en que non se pode aplicar a Carles Puigdemont, coincidindo coa xustiza alemá e belga.

Recoñezo que cualificar un xuízo como farsa é un pouco forte, mais é o que manifestaba Jody Wiliamas, Premio Nobel da Paz, que tamén cualificaba ás policías como “títeres”.

Recoñezo que cualificar un xuízo como farsa é un pouco forte, mais é o que manifestaba Jody Wiliamas, Premio Nobel da Paz, que tamén cualificaba ás policías como “títeres”. Esta profesora de Estados Unidos de América é tamén unha activista na loita contra as minas antipersoas, que estivo no cárcere por denunciar a participación de Estados Unidos nas guerras de Vietnam e Irak. Lamentaba que no século XXI o goberno español “non poida tolerar diferentes opinións”. Consideraba que defender a unidade de España é un proxecto lexítimo, pero non pode ir en detrimento dos dereitos humanos do resto. Nunha intervención na Comisión de Dereitos Civís e Políticos do Parlament, despois de estar no xuízo, manifestaba esta Nobel da Paz: “A autodeterminación é un dereito fundamental. Un dos erros máis significativos de España é interferir no dereito de autodeterminación. Quebec celebrou dos referendos e gañou Canadá. Escocia perdeu e é unha mágoa porque as armas nucleares están en Escocia. Era un tema nuclear”, como recollía publico.es de 12-4-2019.

Houbo tamén unha valoración do xuízo do procés a nivel internacional. Así, un grupo de 41 senadores e senadoras dos principais partidos de Francia asinaban un manifesto en marzo de 2019 que pedía “respecto polo dereitos e liberdades fundamentais en Cataluña”. Denunciaba “as represións dos representantes políticos da Generalitat encarcerados ou forzados ao exilio”, constatando que a situación que está a vivir é “un verdadeiro ataque contra os dereitos e as liberdades democráticas”. Finalmente, instaba a Francia e a Unión Europea a intervir para “restablecer as condicións de diálogo e encontrar solución política a un problema político”. Para o senador François Calvet o xuízo demostra que “España non é unha democracia en Xustiza” (elnacional.cat, 20-4-2019). Pola súa parte, o Times titulaba así a editorial: “O xuízo aos 12 cataláns: a Inquisición Española”.

Javier Pérez Royo, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Sevilla, manifestaba que “os presos políticos están detidos ilegalmente desde o 28-A”, data da celebración das eleccións xerais, porque o 28 de abril foron proclamados deputados electos Oriol Junqueras, Jordi Turull, Josep Rull e Jordi Sànchez e senador electo Raül Romeva. Desde ese momento teñen inmunidade parlamentaria e non poderán ser inculpados nin procesados sen a previa autorización da Cámara respectiva” (artigo 71.2 da Constitución Española). E o artigo 12 dos Regulamentos do Congreso dos Deputados e do Senado sinala: “ O Presidente do Congreso, coñecida a detención dun deputado o calquera outra actuación xudicial...que puidese obstaculizar o exercicio do seu mandato, adoptará de inmediato cantas medidas sexan necesarias para salvagardar os dereitos e prerrogativas da Cámara e dos seus membros”. Seguindo ese mesmo criterio, Oriol Junqueras e Carles Puigdemont, elixidos o pasado 26 de maio como parlamentarios electos do Parlamento europeo, terán tamén unha inmunidade semellante.

Para Pérez Royo esta situación debería resolverse así:

-Inmediata posta en liberdade dos deputados e senador electos que, tecnicamente, está detido ilegalmente desde o 28 de abril.

-O Tribunal Supremos debería enviar a ambas as dúas cámaras a solicitude para proceder contra eles.

-Aprobación dos correspondentes suplicatorios polo Plenos de cada unha das cámaras. O Tribunal Supremo debería suspender o xuízo dos cinco parlamentarios até que Congreso e Senado aprobasen os suplicatorios. Se a solicitude non é atendida, cabe recurso ante o Tribunal Constitucional que, como medida cautelar tería que ordenar a suspensión do xuízo até a resolución do recurso. Se o Tribunal Constitucional non estimase o amparo, quedaría aberta a porta do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos.

Pérez Royo adianta que se o Tribunal Supremo impide que Puigdemont adquira a condición de parlamentario europeo, terá como protagonistas principais ao Parlamento Europeo e ao Tribunal Europeo de Xustiza. E conclúe este catedrático de Dereito Constitucional: “El batacazo va a ser de época. Tendremos que verlo, por desgracia” (eldiario.es, 9-5-2019).

Da mesma opinión é José Antonio Martín Pallín, maxistrado emérito do Tribunal Supremo (entrevista en TV3 o 10-5-2019): "Lo lógico sería que Puigdemont tomara posesión de eurodiputado en Madrid y que se pusieran en marcha los mecanismos de inmunidad de los parlamentarios y suspender cualquier medida contra él antes de que el Parlamento Europeo decidiera”. E oncluía: “Si el Parlamento Europeo se encuentra ante esta discusión tendrá como base las resoluciones de los tribunales belga y de Schleswig-Holstein, que desestimaron que Puigdemont hubiera incurrido en rebelión o sedición”.

Volvendo ao xuízo do procés, se “detrás” do xuíz Manuel Marchena está o PP, controlando a Sala Segunda do Tribunal Supremo, é isto propio dun Estado de dereito? Onde está a separación de poderes e a independencia xudicial? Como vai garantir os dereitos da cidadanía un tribunal presidido por Marchena? Con estes antecedentes e con este tribunal, o xuízo do procés non pode ser máis que unha farsa. Noutro artigo falaremos das testemuñas de vítimas da represión policial o 1–O.

Comentarios