A xuízo acusado por 3 militares de “aldraxe á bandeira” nunha protesta laboral en Ferrol

Un sindicalista da CIG foi denunciado por tres militares por falta de respecto á enseña española durante o seu izado no Arsenal. Nese momento decorría unha protesta de  traballadoras de Cleanet, a empresa que se encargaba da limpeza das instalacións militares.

cleanet ferrol aldraxe
photo_camera cleanet ferrol aldraxe

"Para a institución militar parece que é máis importante un anaco de tea, que o dereito das traballadoras que fan a limpeza das instalacións a recibir o seu salario e poder comer". Así se expresaban Xesús A. López Pintos (covoceiro da CIG de Ferrol), Rocío Doce (secretaria comarcal de Organización da CIG-Servizos) e o propio acusado, Pablo Fragoso, para quen a Fiscalía solicita unha multa de 1.850 euros por presuntamente "aldraxar" a bandeira española.

Tres militares denunciaron Fragoso por supostas faltas de respecto á bandeira española durante o izado da mesma no Arsenal. Un izado de bandeira que conincía coas protestas laborais que realizaban as traballadores de Cleanet, a empresa que se encargaba da limpeza nas instalacións militares e que pedían que se lles pagasen os salarios adebedados.

CIG cualifica de "surrealista" que se vaia a xuízo e enténdese totalmente desproporcionada a sanción que se pide. Ao tempo a denuncia interprétase como "un acto de represalia pola folga e as mobilizacións que durante cinco meses mantiveron as traballadoras da limpeza do Arsenal". A denuncia foi presentada por tres militares do Arsenal cando o conflito xa estaba solucionado, afirma a central. Os militares acúsano de insultar a bandeira durante o izado e de ameazar con queimala. Pintos aseverou que non se recoñece ningunha destas afirmacións, valorando que "mesmo resulta sorprende que os militares puideran escoitar algún comentario tendo en conta o ruidosas que eran as protestas, ás que íamos con pitos, bubucelas, bucinas e megáfono. Nós, dende logo, non lle escoitamos dicir nada".

Rocío Doce explicaba que as protestas e pitadas se realizaban a primeira hora da mañá diante do recinto militar, pero fóra do mesmo xa que o acceso está moi restrinxido. "Se o persoal militar ten que cadrarse e gardar silencio durante o izado, parécenos moi ben, pero nós non somos militares, somos civís exercendo un dereito fundamental, como é o dereito á folga".

A isto engaden que "en todo caso estaríamos ante un caso semellante á pitada ao himno español no Camp Nou. A percepción individual desa acción é unha cousa, pero en ningún caso debería ser unha infracción penal, tal e como determinou a Audiencia Nacional coa pitada ao himno.

No marco daquel conflito, no que as traballadoras levaban meses sen cobrar, a CIG-Servizos tivo que presentar denuncia contra o Ministerio de Defensa por vulneración do dereito á greve, xa que o propio persoal militar estaba a realizar as tarefas de limpeza.

Comentarios