O xulgado de vixilancia penal suspendeu esta tera feira, 28 de xullo, a semiliberdade e a aplicación do artigo 100.2 do regulamento penal aos cinco presos políticos cataláns sobre os que ten xurisdición: o líder de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Oriol Junqueras; os ex consellers Raül Romeva e Joaquim Forn, o presidente de Òmnium, Jordi Cuixart; e o ex líder da Assemblea Nacional Catalana (ANC), Jordi Sánchez. Estes voltaron xa á tarde á cadea e mañá, cuarta feira, xa non poderán saír dela.
Así o decidiu esta tarde a xuíza de vixilancia penal de Lledoners, prisión catalá onde se atopan varios destes presos condenados polo Tribunal Supremo (TS) no caso contra o procés. Con extrema celeridade a maxistrada respondeu afirmativamente en cuestión de horas a solicitude cursada pola Fiscalía esta mañá.
Desta maneira, os presos perden o seu terceiro grao de semiliberdade e o artigo 100.2 do regulamento penal baixo o que, cando estaban no segundo grao, podían saír do cárcere para realizar traballos ou voluntariado. Agora, volven ao segundo grao e teñen a obriga de permanecer en prisión sen poderen saír até que a xuíza se pronuncie sobre a idoneidade de concederlles ou non a medida do 100.2. As defensas dos condenados teñen tres días para presentar recurso.
O recuso da Fiscalía presentado esta mesma tera feira pola mañá cargaba contra a cualificación do terceiro grao e, seguindo o establecido polo Tribunal Supremo (TS) nunha resolución da semana pasada, solicitou tamén a suspensión da semiliberdade mentres se estea a examinar o recurso. Foi, de feito, na pasada quinta feira cando o Supremo tumbou o 100.2 que fora concedido pola Generalitat á ex presidenta do Parlament, Carme Forcadell, antes de que a esta lle outorgasen o terceiro grao.
Alías, o propio TS no caso da semana pasada contra Forcadell reclamou que debe ser o propio tribunal sancionador quen decida sobre estes recursos, é dicir, neste caso, o propio Supremo. Desta maneira, todos os permisos que até o de agora outorgaban as prisións para que os presos saísen facer voluntariado terán que ser ratificados pola Sala que os condenou e non polas Audiencias Provinciais, que até o de agora foron favorábeis.
O móbil de Torrent, atacado en 2019
WhatsApp confirmou ao president do Parlament catalán e destacado membro de Esquerra Republicana de Catalunya, Roger Torrent, que o seu teléfono móbil foi un dos obxectivo dos ataques rexistrados en 2019 aproveitando unha fenda na aplicación. Así llo confirmou ao propio Torrent a directora de Política Pública de WhatsApp para Europa, Oriente Medio e Asia, Niamh Sweeney; que o informou de que foi obxectivo dun "intento de acceso non autorizado" de datos e comunicacións do dispositivo. Con todo, a directora dixo a Torrent que non é posíbel determinar se finalmente o móbil foi hackeado ou non. Para averigualo, habería que facer un "exhaustivo" exame forense do teléfono.
O móbil de Torrent foi vítima dun ataque para acceder ao seu contido a través do programa Pegasus, desenvolvido en Israel e unicamente en venda para Estados. O president do Parlament presentou xa unha querela contra o daquela máximo responsábel do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) español, Félix Sanz Roldán; e denunciou o caso ante a ONU e institucións da Unión Europea.