A xuíza que está a instruír o proceso xudicial polo asasinato de Ana Gómez Nieto, o primeiro crime machista na Galiza en 2016, chamou declarar a traballadora social da Casa da Muller de Lugo. Farao en calidade de testemuño como tamén fixo a asistente social do Concello de Becerreá.
A traballadora social foi chamada como testemuña
Ana Gómez acudiu á Casa da Muller o día no que foi asasinada polo que era o seu compañeiro para solicitar información sobre as axudas das que disporía para se emancipar de José Manuel Carballo Neira, segundo recolle a imprensa local. Aliás, tería acudido aos servizos sociais municipais, semella quen en varias ocasións, para recoller igualmente información. Neste senso, quer o Concello de Becerreá, quer a Casa da Muller poderían ter constancia da situación de violencia machista que atinxía Ana Gómez antes de que fora asasinada.
Sí hai saída pide que a Fiscalía investigue se houbo "neglixencia" por parte da Casa da Muller
Como avanzou Sermos Galiza, a asociación de axuda a mulleres en situación de violencia machista, Sí hai saída, reclamará que a Fiscalía investigue se se cometeu algunha "neglixencia" por parte da Casa da Muller na súa actuación. A súa voceira, Marta Rodríguez Engroba, asegura que é preciso coñecer se as traballadoras sociais lle mandaron a Ana Gómez volver a solcitar as axudas no concello cando acudiu á entidade.
"Non imos contra ninguén", subliña Rodríguez Engroba, "só queremos que se investigue para que isto non volva acontecer porque falamos de vidas humanas" e "quizais podería terse evitado" o asasinato.