O xuíz ordena os Franco a devolver o Pazo de Meirás antes do 10 de decembro

Os Franco terán que devolver o Pazo de Meirás ao Estado, como tarde, o 10 de decembro. Así o decidiu o Xulgado de Primeira Instancia número uno da Coruña.
pazo meirás 19
photo_camera Acto simbólico dos '19 de Meirás' que decorreu o 30 de agosto de 2017 (Imaxe: Nós Diario).

O Xulgado de Primeira Instancia número un da Coruña declarou que o Pazo de Meirás é propiedade pública e ordenou á familia Franco a súa devolución o 2 de setembro. Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Agora a maxistrada fixou a entrega voluntaria do inmóbel por parte da familia Franco o 10 de decembro, ás 11 horas.

"Por motivos de seguridade, e co fin de preservar a súa integridade, a entrega será verificada pola comisión xudicial no propio pazo", precisa a xuíza, que lembra que os herdeiros do ditador se mostraron conformes coa execución provisional da sentenza, segundo trasladaron nun escrito remitido esta semana ao xulgado e á espera de que a Audiencia da Coruña se pronuncie sobre o seu recurso de apelación.

Con todo, a xuíza advirte de que, se non realizan a entrega no día e hora sinalados, "procederase no mesmo acto ao inmediato desaloxo".

Condea inicial

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimou o pasado 2 de setembro a demanda interposta polo Estado e declarouno propietario do Pazo de Meirás, polo que condenou a familia Franco á devolución do inmóbel sen ser indemnizada polos gastos nos que afirmaba incorrer para o mantemento da propiedade.

No procedemento, a Xunta da Galiza, o Concello de Sada, o da Coruña e a Deputación defenderon tamén a postura da Avogacía do Estado coruñesa, mentres que como demandados constaban seis familiares de Francisco Franco e unha sociedade limitada.

A maxistrada declarou na sentenza a nulidade da doazón efectuada en 1938 da "finca denominada Torres ou Pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma".

Ao entender que a propiedade do inmóbel corresponde ao Estado, a xuíza declarou tamén nula a parte da escritura pola que os herdeiros de Franco se fixeron co pazo, así como a doazón que se recolle nunha escritura de novembro de 1982.

Reivindicación cidadá

Un dos colectivos máis activos na reivindicación desta propiedade para o pobo galego foi o dos 19 de Meirás, que segue a perseguir o seu obxectivo. Foi fundamental o traballo de Carlos Babío e de Manuel Pérez, autores de Un pazo, un caudillo, un espolio (Fundación Galiza Sempre, 2017), que foi considera proba principal no proceso.

Tamén foi salientábel o papel da Deputación da Coruña, que constituíra a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás co fin de contribuír á xustificación documental e legal para a devolución do inmóbel.

Por outra banda, a plataforma en Defensa do Común convocou para mañá unha marcha reivindicativa para que a familia do ditador devolva tamén a Casa Cornide, situada na Cidade Vella da Coruña. Os achegados tamén intentaron vender ese inmoble nunha operación rodeada de polémica. O asunto está tamén nos tribunais, pois incluso houbo unha acción parecida á dos 19 de Meirás.

Comentarios