O xuíz desvincula do caso Oikos o futbolista ourensán Borja Fernández

En maio de 2019, varios xogadores que pasaran por Primeira e Segunda División foron detidos pola Policía Nacional como supostos membros dunha organización criminal dedicada ao amaño de partidos de fútbol para obter beneficios en apostas deportivas.

borjafernandez_realvalladolid
photo_camera Borja Fernández, na súa despedida pública ante os medios do Real Valladolid, onde foi capitán (Real Valladolid CF)

O xuíz de instancia e instrución número 5 de Huesca comunicou onte pola mañá aos representantes legais do futbolista ourensán Borja Fernández que xa non figura como investigado no caso Oikos. O auto dita o sobresemento provisional da causa contra el, case ano e medio despois de ser detido pola súa suposta participación nunha trama de amaño de partidos e apostas deportivas ilegais.

Borja Fernández queda desta maneira fóra do proceso e é exonerado do seu status de investigado, nunha decisión que levou a alegría tanto ao deportista como á súa contorna xa que se trata dun "feito inaudito": este tipo de decisións habitualmente non se producen até o final da instrución ou até que ten lugar o xuízo. 

Fernández é o único dos acusados da Oikos que non irá a xuízo. "Non existe unha convicción de entidade suficiente, deriva de xuízo lóxico indutivo solidamente construído, que permita unha imputación formal e, no seu caso, apertura do xuízo oral", explica o auto.

Con esta decisión, o ex xogador do Real Valladolid, do Real Madrid, do Mallorca, do Getafe ou do Deportivo da Coruña poderá retomar agora a súa carreira profesional tras se retirar en maio de 2019 como futbolista en activo no partido ante o Valencia que, ademais, supuxo o estalido da operación Oikos.

Borja Fernández, dixo, ten previsto agora emprender unha batería de accións legais para reclamar danos e prexuízos polas acusacións vertidas contra el durante todo este tempo.

Antecedentes

En maio de 2019, varios xogadores que pasaran por Primeira e Segunda División foron detidos pola Policía Nacional como supostos membros dunha organización criminal dedicada ao amaño de partidos de fútbol das categorías máis importantes do fútbol español para obter beneficios en apostas deportivas.

Todo comezou tras a denuncia da Liga en maio de 2018 por supostas irregularidades detectadas no partido que disputaban o Huesca contra o Nástic de Tarragona e a súa relación coas apostas deportivas. 

Precisamente, o amaño deste partido de Segunda División chegou a disparar as apostas, até o punto de que o volume de diñeiro chegou a ser até 14 veces máis elevado ao que normalmente é habitual para esa categoría.

Ese encontro acabou con vitoria do Nàstic (0-1) sobre o Huesca. O equipo oscense xa ascendera a Primeira División, e o Nàstic estaba a 29 puntos. O Comité de Competición incoou un procedemento disciplinario extraordinario a ambos os dous equipos.

Tras a denuncia da Liga, a Policía abriu unha investigación e descubriu irregularidades en polo menos outro partido, o disputado no Estadio José Zorrilla de Valladolid entre o equipo da cidade e o Valencia. Nese choque, o conxunto pucelano, que ascendera a Primeira División nesa tempada, perdeu por 0-2.

Entre as persoas detidas estaba Borja Fernández e tamén o ex xogador do Real Madrid, o valenciano Raúl Bravo, considerado o líder da suposta trama. Fernández retirárase nese momento tras xogar as dúas últimas tempadas no equipo valisoletano e ser o seu capitán.

Tamén foron arrestados Carlos Caballero, xogador do Fuenlabrada; Samuel Saiz, do Getafe; Carlos Aranda, ex xogador de varios equipos de Primeira División; Íñigo López, do Deportivo da Coruña; Agustín Lasaosa, presidente da Sociedade Deportiva Huesca, e Juan Carlos Galindo Lanuza, xefe dos servizos médicos do clube oscense.

Comentarios