Os nomes do terror

Xosé R. Ermida: "Os militares foron a peza central do terror na Ribeira Sacra”

Xosé Ramón Ermida Meilán (Foz,1973)  é o autor dunha investigación sobre os vitimarios nas comarcas do Courel, Lemos e Quiroga que a terceira e a cuarta feira se distribúe de xeito conxunto co diario Nós dentro do coleccionábel Os nomes de terror.
Xosé Ramón Hermida, historiador
photo_camera Xosé Ramón Hermida, historiador

Antes de entrar a falar dos vitimarios nas comarcas do Courel, Lemos e Quiroga imos facer unha achega ás vítimas, que destaca do proceso represivo nestes tres territorios e cal foi o seu alcance?

Foi unha represión durísima. Segundo os dados fornecidos por María Xesús Souto no seu estudo sobre a represión franquista na provincia de Lugo, o partido xudicial de Monforte situouse á cabeza da represión paralegal nesta área. Outro tanto podemos afirmar do partido xudicial de Quiroga, onde o número de execucións foi tamén moi elevada.  A este respecto, aínda meten medo hoxe o número de encarcerados por motivos políticos na prisión de Monforte no período 1936-1939 , con máis 1.500 persoas detidas en diversos momentos e con porcentaxes de escándalo para localidades como Sober, Ribas de Sil, Saviñao ou a propia capitalidade da comarca Lemos. A cantidade de reclusos do cárcere de Monforte chegou a sorprender en 1936 ao fotografo Erich Andres, un alemán ligado aos servizos secretos alemáns que fotografou a retagarda franquista, deixando testemuño gráfico e escrito do suceso. E podemos seguir coa represión económica, certificando o comandante militar de Monforte, Carlos Aranguren sancións económicas na zona para o último cuadrimestre de 1936 por un monto superior a 850.000 pesetas  

Sinala no seu traballo que a preparación do golpe de Estado contra o réxime republicano e a represión posterior estivo dirixida polos militares, cal foi o papel desenvolvo polos mesmos nestas tres comarcas?

Os militares foron a peza central no conglomerado represivo posto en marcha após o golpe de Estado de xullo de 1936. A un tempo participaron da represión legal, ditando e inspirando as disposicións normativas do novo réxime, presidindo os consellos de guerra nas diversas xurisdicións, asinando as sentenzas de morte ou impoñendo as sancións administrativas. Por outra banda dirixiron a represión paralegal, determinando os obxectivos das milicias de dereita, autorizando as sacas dos cárceres e ordenando a execución dos demócratas. Así, por exemplo o comandante militar de Monforte, Emilio Cortes Reyes ditou oficios ordenando as sacas no cárcere da cidade pero tamén presidiu consellos de guerra en Lugo ou Asturias sentenciando a morte aos demócratas.  Outra tanto aconteceu co seu sucesor, Carlos Aranguren Roldán, irmán de José Arangueren, o xeneral da Garda Civil que se mantivo leal á República en Barcelona.

Unha consideración especial merece a Garda Civil cun papel chave na preparación da trama golpista, no derrocamento da legalidade republicana e na institucionalización do novo réxime. Os axentes da benemérita da zona, curtidos na represión á revolución de outubro de 1934, unha sorte de ensaio xeral do acontecido en 1936, non  só participaron na trama golpista senón que destituíron á corporación republicana, declararon o estado de guerra e levaron o peso das operacións de castigo aos demócratas. Os gardas civís estiveron na diversas fases do proceso represivo, sendo moi habitual a súa participación nos paseos e na aplicación da lei de fugas, como aconteceu no caso de Jesús Rodríguez Silvosa e de Ramón Somoza Álvarez.

Cuestiona a existencia dun “terror quente” nos momentos posteriores ao golpe de Estado e defende a represión paralegal como un “proceso regrado e formalizado”, en base que elementos sustenta esta tese?

A documentación do propio réxime que temos manexado deixa poucas dúbidas ao respecto. Neste sentido, os libros do cárcere de Monforte custodiados no arquivo Histórico Provincial de Lugo deixan claro que a totalidade das sacas no cárcere de Monforte son ordenadas pola máxima autoridade militar da zona, a maiorías das veces polo comandante militar de Monforte, outras, as menos, polo comandante militar de Lugo e nalgunha ocasións polo delegado da Orde Pública. Ao tempo, a entrega do preso aos milicianos de dereita ou os gardas civís que van proceder a súa execución responden a unha formalidade que se repiten na totalidade dos casos  e xeran unha abondosa documentación, até o punto que o responsábel de milicias ou da Garda Civil vese obrigado a asinar a recepción das vítimas diante do xefe da prisión.

Neste esquema argumental, cal foi logo a función das milicias de dereita no conglomerado represivo nas comarcas do Courel, Lemos e Quiroga e a que lóxica respondeu a súa actuación?

A actuación represiva das milicias da dereita respondeu ás ordes dos militares, executando boa parte do traballo sucio encomendado por estes. As mesmas organizáronse e estiveron dirixidas por destacados representantes dos sectores economicamente abastados que dirixiron durante décadas a política dos seus concellos e estiveron ligados ás vellas elites da Restauración. Malia que no meu traballo céntrome no operativo de milicias de Monforte, Quiroga e Courel para dar unha visión do conxunto do territorio do estudo e tamén pola súa significación , na practica totalidade dos  concellos destas comarcas funcionaron estruturas paramilitares. Pensemos sen ir máis lonxe, na escuadra de Bóveda dirixida polo xefe local da Falanxe,  Ramón Salgueiro e da que fixo parte o temíbel Louredo. Ou nos diversos grupos que operaron no Saviñao, nun dos cales xogou un papel chave o cura de Vilacaiz, Daniel Rodríguez, en Ribas de Sil ou en Sober. As pegadas do terror dos paramilitares de dereitas ficaron en múltiples crimes cometidos ao longo e ancho das comarcas do Courel, Lemos e Quiroga como ficaron recollidos nun número importante de causas militares

Son abondosas nas súas respostas as referencias ás fontes documentais xeradas polo propio franquismo, moi concretamente aqueles procedentes dos consellos de guerra, que veracidade lle podemos dar as mesmas e que importancia de lles concede?

Con independencia da importante información que, directa ou indirectamente, proporcionan as numerosas causas xudiciais seguidas diante de tribunais militares, non convén deixar pasar o carácter e natureza que estas tiveron na construción do relato xustificador da acción represora do exército golpista, da posterior acción sostida polo aparato do Estado e as súas institucións, aspecto que se evidencia na condena dos que se cualifican como desafectos “ ao Glorioso Movemento”, primeiro, pero que logo se lle aplica aos que no seu propio bando van caendo en desgraza ou é necesario sacar do medio polas guerras de poder como acontece co caso do xefe territorial da Falanxe galega, Mario González Zaera. A liña argumental que se  seguiu nas causas sempre é o mesmo de modo que no curso das altisonantes manifestacións que se verten nas causas onde o réxime establece o seu veredicto. Desafecto para os demócratas, traidor ao gloriosos principios inspiradores do movemento liberador, para os que van caendo en desgraza, ou falsario e usurpador de autoridade da que carecía para os que xa realizaron o traballo sucio e agora incomoda a súa presenza.

Comentarios