Xosé M. Álvarez Cáccamo reivindica o entusiasmo da literatura ao recoller a letra E

Plantou unha moreira branca, puxéronlle o seu nome a un parque en Vilaboa e déronlle a letra E que simboliza o recoñecemento da República das Letras. O poeta Xosé María Álvarez Cáccamo recibiu a homenaxe da AELG  “O Escritor na súa terra”. O autor anuncia a publicación da súa primeira novela As últimas galerías. 

caccamo2

Unha espiral deseñada polo artista e amigo Ánxel Huete, unha moreira branca -a súa árbore preferida, evocadora da infancia- e o seu nome nunha placa deixan pegada da xornada no parque de Vilaboa no que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) iniciou este sábado a homenaxe “O escritor na súa terra” a Xosé Mª Álvarez Cáccamo. 

No público, un gran número de escritores e escritoras, en especial, da xeración dos oitenta que o homenaxeado compartiu. Tamén activistas da recuperación da memoria histórica, loita na que o escritor está comprometido e que mentou tamén nas súas intervencións. 

O parque levará seu nome mais Cáccamo confesou que preferiría que a veciñanza pasara a recoñecelo como o “parque do poeta”, integrando a todas as persoas que se dedicaron e se dedican ao xénero  no que o homenaxeado escribiu máis de 25 libros en trinta anos continuados de escrita poética. De maneira especial, o escritor mentou a seu pai Xosé Mª Álvarez Blazquez e á familia literaria á que pertence. 

Na historia da AELG

Xa na Casa da Cultura, Xosé María Álvarez Cáccamo referiuse á historia e o papel da AELG, da que formou parte da directiva ao longo de máis de quince anos, dos escritores e amigos vinculados á entidade que xa non están como Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Luísa Villalta ou Mª Carme Kruckemberg e do propio oficio da escrita que comeza co E que viña de recibir, letra e palabras como entusiasmo, enerxía ou entrega, ao seu ver, condicións da propia literatura. 

Tamén se referiu Pepe Cáccamo -nome co que asina a súa poesía obxectual- a súa infancia en Vigo, a súa familia e ao seu íntenso vencello co concello de Vilaboa, onde se instalou hai uns vintecinco anos e no que participa activamente da vida social e cultural. “Pepe de Bea”, como din que a veciñanza o coñece por ser a súa compañeira mestra na localidade, agradecía o recoñecemento e convidaba ao comprocaccamomiso coa propia literatura, trabe da responsabilidade de quen camiña xa coa letra E da súa condición. 

Primeira novela 

Nunha entrevista co autor publicada no novo número do semanario Sermos Galiza, Álvarez Cáccamo agradecía a festa da lingua, a literatura e a terra. Anunciaba tamén o escritor a próxima publicación da súa primeira novela en máis de trinta anos de traxectoria literaria. En As últimas galerías o escritor elabora unha novela “caleidoscópica” na que o protagonista descobre os enigmas da súa propia vida en conversa coa súa nai, interna nun xeriátrico. O pasado reconstrúese a través de cartas, un diario e as conversas do narrador coa súa nai. 

Comentarios