Méndez Ferrín recibe o Facho de Ouro 2019

A agrupación organiza unha homenaxe para o día 14 de decembro na Coruña.
Xosé Luís Méndez Ferrín
photo_camera Xosé Luís Méndez Ferrín

A directiva da Agrupación Cultural O Facho decidiu entregar o Facho de Ouro de 2019 a Xosé Luís Méndez Ferrín, “homem de bem, poeta, novelista, ensaísta, investigador e activista cultural e político”, como mostra de recoñecemento “a toda umha vida dedicada à cultura do País e a loita no processo libertador do povo galego”. 

Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) “é hoje um facho referente na defensa da dignidade da Galiza, tanto polo seu empenho a dinamizaçom cultural como polo seu batalhar no processo emancipador do País”, segundo indican desde a Agrupación Cultural no Portal Galego da Língua. Así mesmo, e “devido à sua actividade política nacionalista e comunista”, o autor de Con pólvora e magnolias, “foi encarcerado em três ocasions”. Xa a nivel puramente literario, Méndez Ferrín é “umha das figuras mais representativas da literatura galega contemporânea”, acentúan. Como docente, desde O Facho destacan que o homenaxeado “foi catedrático de Literatura no Instituto Santa Irene de Vigo e é Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo”.

Méndez Ferrín é “umha das figuras mais representativas da literatura galega contemporânea”, acentúan.

Xosé Luís Méndez Ferrín, unha figura imprescindíbel na Literatura, foi recoñecido e homenaxeado en innúmeras ocasións. E é que o autor de Retorno a Tagen Ata foi proposto como candidato ao Premio Nobel de Literatura pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), galardoado co Pedrón de Ouro, o Premio da Crítica de narrativa e de poesía galegas, Premio Losada Diéguez de creación literaria, Premio Nacional de Literatura, Premio Brais Pinto ou o Premio Laxeiro, entre outros.

A cea-homenaxe realizarase o sábado 14 de decembro, ás 21h, no Hotel Riazor da Coruña. 

Para se inscribir no acto deberase realizar a reserva antes do dia 8 de Decembro indicando nome, teléfono ou correo electrónico a [email protected] ou [email protected] 

Comentarios